Arroupa-Moda Re, a empresa de inserción impulsada por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, fixo balance da súa actividade en 2024, no que consolidou o seu papel referencial na xestión sostíbel do residuo téxtil e a xeración de emprego inclusivo. No balance faise saber que no último ano, Arroupa tratou 1.837 toneladas de roupa usada en Galicia, evitando que acaben en entulleiras incontroladas e fomentando a súa reutilización e reciclaxe. Ademais, o seu modelo de inserción laboral permitiu a contratación de 39 persoas en situación de vulnerabilidade, ofrecéndolles emprego, formación e acompañamento para facilitar o seu acceso ao mercado laboral normalizado.

As responsábeis de Cáritas Diocesana de Santiago explicaron que o modelo de Arroupa “cumpre cos criterios europeos de economía circular e aposta por unha xestión téxtil responsábel” e que o seu sistema de recuperación inclúe 364 puntos de recollida, con sensores GPS para optimizar o proceso. As tarefas de clasificación e tratamento na súa planta propia, garante a rastrexabilidade e a transparencia.
As pezas tratadas en Arroupa destínanse a reutilización nun 50% a través das súas tendas solidarias e tamén a doazóns. A empresa de Cáritas Diocesana de Santiago, que conta con rexistro legal e rastrexabilidade na plataforma GAIA, conseguiu a reciclaxe do 38% do material procesado, transformando os téxtiles en fibras e materiais industriais. Isto significa que cada peza recuperada ten un dobre impacto positivo: reduce o desperdicio e xera oportunidades para as persoas.
Como dixemos, en 2024 a empresa proporcionou traballo a 39 persoas, quen ademais participaron nun programa de formación especializada e recibiron acompañamento profesional. Destes traballadores, 6 xa completaron con éxito o seu itinerario de inserción este ano, logrando emprego estable no mercado ordinario. Grazas á solidariedade da cidadanía, doáronse 17.850 pezas, o que permitiu garantir un acceso digno a roupa para quen máis o necesitan. A rede de tendas solidarias continúa crecendo, cunha nova apertura prevista en Vilagarcía de Arousa para 2025. Cabe destacar que o 100% de os beneficios xerados reinvístese integramente en programas de inclusión social e sustentabilidade.
Ademais, Arroupa modernizou o concepto de asistencia téxtil, substituíndo o tradicional “roupeiro asistencial” por vales intercambiábeis en tenda mediante un sistema QR.



