Anabel Calo Rodríguez foi unha das persoas premiadas na campaña autonómica Días Azuis do Comercio Galego. A premiada realizou a súa compra no establecemento boirense A Panoleta, un negocio asociado á Asociación Boirense de Empresas (ABE), o que lle valeu unha tarxeta regalo de 250 € para seguir consumindo no comercio tradicional galego.

A campaña celebrouse entre o 20 de maio e o 10 de xuño de 2025, co obxectivo de promover e premiar o consumo nos comercios de proximidade en toda Galicia.
No total, repartíronse 20.000 € en premios, distribuídos da seguinte forma:
44 tarxetas prepago de 250 € (11 por cada provincia)
60 tarxetas prepago de 150 € (15 por cada provincia)
Estas tarxetas poderán utilizarse ata o 31 de xullo de 2025 exclusivamente en establecementos tradicionais galegos adheridos.
A Asociación Boirense de Empresas colaborou activamente na difusión da campaña entre os seus asociados, reforzando o compromiso da entidade “co impulso do comercio local e coa participación nas iniciativas promovidas a nivel autonómico”, informaron dende a directiva da entidade.
Ademais, o vindeiro 26 de xuño ás 19:00 h, celebrarase na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o acto de entrega de premios da campaña, no que terá lugar tamén un sorteo especial dunha tarxeta de 3.000 €. Poderán participar todas as persoas asistentes que presenten un tícket de compra realizado entre o 20 de maio e o 26 de xuño nun comercio de proximidade galego.
Dende a ABE felicitaron a Anabel Calo Rodríguez polo premio e agradecéronlle como a todas as persoas consumidoras de Boiro o seu apoio constante ao comercio local. “Cada compra conta, e grazas a campañas como esta conseguimos seguir dinamizando a nosa economía máis próxima”, engadiron dende a ABE.



