A asociación Amicos celebrou a mañá deste xoves, 5 de xuño, o Día Mundial do Medio Ambiente cun acto conmemorativo no CEIP Plurilingüe Santa María do Castro cargado de xogos de sensibilización conducidos todo conducido polos activistas medioambientais da entidade. No evento participaron arredor de 130 persoas, un grupo formado por escolares, profesores e autoridades.
O acto contou coa participación de destacadas autoridades, incluíndo a Juan Carlos Rodríguez, da dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta; Luz López, da xefatura comarcal da Consellería do Mar de Ribeira; Olga González, concelleira de Medio Ambiente e Mar de Boiro; e Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de JEALSA.

Tamén estiveron presentes a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, e Xoan España, director xeral da entidade, quen destacou a importancia das persoas con discapacidade como motor do cambio a través de iniciativas para a conservación do noso patrimonio natural e a educación ambiental.
Ao comezo do acto, o director xeral de Amicos, Xoán España, destacou que “hoxe celebramos o mes do medio ambiente e dos océanos, da conservación da natureza, e o que queremos trasladar é o importante que é que todos e todas aportemos o noso gran de area na restauración e conservación dos ecosistemas e do noso planeta. O obxectivo é concienciar á poboación máis nova de como mellorar e transformar a realidade que vivimos”.

Asemade, continuou incidindo en “que a través dos programas de Amicos, tanto os de sensibilización como os de activismo e restauración, consisten en aportar para mellorar e axudar o planeta a conservar especies sensíbeis, e loitar contra os residuos mariños. Para nós é un orgullo celebralo rodeado de tantos colaboradores e dun cole que é exemplo de integración e participación”.

Tamén interviu Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de JEALSA, que destacou que “aquí celebramos unha efeméride moi importante para tódalas persoas que habitamos o planeta, pero sobre todo para a rapazada, que son o futuro. O labor que realiza Amicos neste senso é moi importante porque estamos construíndo unha sociedade mellor, plantando o xerme da preocupación por coidar este planeta, do que non temos remuda. Coidar do planeta é algo que todos debemos realizar, porque entre todos podemos deixar un planeta mellor para os máis novos e novas”.

Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente e Mar do Concello de Boiro, Olga González, declarou que “é fundamental coidar o noso entorno e ser conscientes de como coidar o medio ambiente, empezando polos cativos e cativas, con esa concienciación vannos ensinando aos adultos de todo o que aprenden en accións como esta. Animo a que conservemos o mellor posíbel o noso entorno, en especial o mariño agora que empeza a época estival”.
Pola súa banda, Macarena, activista medioambiental, destacou que “é importante que os nenos e nenas aprendan a coidar o planeta e todo o que estamos facendo para preservalo, e sexan eles os que comecen a facer cousas para melloralo nun futuro”.

Os activistas conduciron distintos xogos de sensibilización a través dos cativos e cativas, que descubriron a riqueza do ecosistema mariño, así como a importancia da reciclaxe e a segunda vida que se lle pode dar aos residuos mariños.
No último ano os axentes medioambientais de Amicos promoveron máis de 150 sensibilizacións ambientais, nas que participaron máis de 2.700 alumnos e alumnas de centros educativos da zona.

Distintas accións nas que se traslada a importancia da preservación da biodiversidade, a restauración forestal, a reciclaxe e o coidado do medio ambiente; en consonancia co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel da axenda 2030.
Tamén se realizaron distintas accións de restauración activa de fondos mariños a través de proxectos como Cabalga ou Lab-mar, entre outros. No marco do primeiro, restauráronse case 500 gorgonias, máis de 40 bases de laminarias e realizouse a plantación de máis de posidonia no fondo mariño.