Un ano máis desde 2005, e despois dunha nova inspección dos máis de 8.000 quilómetros do litoral, Ecoloxistas en Acción presentou o informe Bandeiras Negras 2025. Outorgáronse un total de 48 “distincións” (en negativo), dúas por provincia e/o cidade autónoma, unha Bandeira Negra por contaminación e outra por mala xestión ambiental das costas do Estado español.

En Galicia, sinalou a organización ecoloxista, o informe recolle 6 bandeiras negras coas afeccións ambientais máis graves no litoral galego, “aínda que non son as únicas, podería ser unha longa lista pero só recollemos as máis rechamantes”.
No informe galego deste ano volven sinalarse os problemas ambientais provocados pola industria como a balsa de residuos de Alcoa ou “a grave ameaza que suporía a instalación da macrofábrica de celulosa de Altri”. Non falta a denuncia do tratamento deficiente das augas de refugallos e residuos que xeran as urbes e que son uns dos principais causantes da degradación das rías galegas. Tamén se pon o foco na problemática da apropiación e ocupación do espazo público marítimo terrestre, unha cuestión que este ano abrangue 3 Bandeiras Negras nas costas galegas. “A pesar da flagrante ilegalidade destas apropiacións de terreo público, moitas veces algunhas administracións non fan cumprir a lei de Costas e este desleixo facilitou que se convertera nunha práctica estendida moi por parte de particulares adiñeirados e sociedades mercantís”, sinalan dende Ecoloxistas en Acción, sinalando que un exemplo claro disto é a Bandeira Negra para os propietarios da urbanización privada na illa de Toralla, en Vigo, que “consideran que toda a illa é da súa propiedade e, co consentimento das administracións, negan o libre acceso tanto ao litoral como ao interior da illa”.
Noutros casos, engaden, “é o propio Estado quen privatiza encubertamente un espazo público outorgando concesións a empresas privadas para usos mercantís que restrinxen o libre acceso á poboación, e este é o caso da illa Pancha, en Ribadeo, onde ademais faise un uso indebido do espazo, xa que este pertence á Rede Natura 2000”.
Ecoloxistas en Acción queren poñer o foco tamén na Bandeira Negra outorgada ao ex-presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, e á súa parella, Eva Cárdenas, por “ocupación de espazo público na praia de O Con, costa de Tirán, no municipio de Moaña”. Sinalan que “aínda que a superficie ocupada non representa unha gran extensión como noutros casos, si é moi relevante que o infractor consorte sexa o ex presidente da Xunta e actual presidente do Partido Popular de España”.
Aínda que non sinalada este ano no informe, hai unha mención especial á factoría celulósica de ENCE na ría de Pontevedra. As instalacións no litoral desta pasteira, cuxa legalidade está en entredito tras admitir Tribunal Constitucional o recurso de amparo presentado polo Concello de Pontevedra, é para Ecoloxistas en Acción “un dos exemplos de ocupación e uso industrial indebido do espazo público marítimo terrestre e de como algunhas administracións amparan as ilegalidades dunha minoría adiñeirada, mentres que aplican a lei sen miramentos ao cidadán común”.

Relación Bandeiras Negras outorgadas no 2025 en Galicia
-Na provincia de Pontevedra unha bandeira negra especial por “usurpación de espazo público a Alberto Nuñez Feijóo por apropiación de terreo público marítimo-terrestre na praia de O Con, Moaña”.
-A Bandeira Negra por mala xestión, na provincia de Pontevedra, concedeuse aos propietarios das urbanizacións da illa de Toralla e ás administracións que permiten esta usurpación de dominio público marítimo terrestre.
-Na provincia de A Coruña, a Bandeira Negra por contaminación, na provincia de A Coruña, outorgouse a Porto de Suevos (Arteixo) polos vertidos da depuradora.
-A Bandeira Negra por mala xestión, na provincia de A Coruña, concedeuse á multinacional Altri pola ameaza de destrución dos recursos hídricos e biodiversidade na ría de Arousa que supón o seu proxecto Gama de construción dunha macrofábrica celulósica. Á Xunta de Galicia por “ditar unha Declaración de Impacto Ambiental favorábel, sorteando ou minusvalorando os impactos ambientais que causará dito proxecto”.
-Na provincia de Lugo, a Bandeira Negra por contaminación outorgouse á empresa Alcoa polo “recrecemento da balsa de residuos e o emisario oculto ao mar que vén de ser descuberto”.
-A Bandeira Negra por mala xestión, na provincia de Lugo, concedeuse á Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria e ao Concello de Ribadeo por permitir a ocupación e uso irregular dun espazo público en Rede Natura 2000 (illa Pancha).



