O segundo tenente de alcalde de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta e o edil do Mar, Fernando Abraldes, trasladáronse este venres 20 de xullo ás instalacións de Ambar para presentar esta segunda xuntanza de esculturas de area xunto co colaborador do evento, Jesús Antonio Paz e a representante de Ambar, Alicia Romero.

O concelleiro de Mar abriu o acto anunciando aos presentes que esta segunda xuntanza celebrarase o vindeiro sábado 19 de xullo na praia do Rebalo coincidindo coas Festas de Aguiño en horario de 10:00 a 14:00 horas e está dirixida á rapazada de 3 a 12 anos. As inscricións poderán facerse de xeito presencial na Oficina de Turismo do porto de Ribeira ou ben chamando ao número 981 87 30 07.
Abraldes comentou que nestas xuntanzas e de forma itinerante, cada ano convídase a unha asociación do municipio e “neste ano quixemos contar coa presenza Ambar que accedeu satisfeita ao convite”, mentres que o ano pasado contouse coa Asociación Contra o Cancro de Ribeira.
Fernando Abraldes falou dos premios que serán para os tres primeiros, ademais dos agasallos para todos os inscritos que serán un máximo de 100 nenos e nenas. Para rematar o edil informou que esta iniciativa esta promovida polas concellerías, de Mar, Turismo e de Servizos Municipais.
Pola súa banda, a representante de Ambar, Alicia Romero, trasladou a súa gratitude en nome da asociación: “Agradecer ao Concello por contar con nós, por facer unha aposta pola inclusión e poñer en valor o talento das persoas con diversidade funcional”.
O organizador do evento, Jesús Antonio Paz, tamén salientou o apoio do Concello e anunciou que
este ano o evento será gravado con tres drons, de forma altruísta e sen ánimo de lucro, por Óscar Maya, Rubín Cádiz e Droninhood. Jesús referiuse ao evento de que “non é unha actividade só para os nenos senón que é para gozar en familia”.
Suárez-Puerta pechou o acto salientando a gran afluencia e aceptación que tivo esta nova iniciativa o ano pasado, “no que as prazas quedaron curtas e estamos seguros que este ano tamén irá a máis”,
agradeceu a Ambar “por aceptar colaborar e ser membros do xurado”.
O concelleiro rematou incidindo que este tipo de iniciativas “poñen en valor os nosos areais, que asemade é a estratexia na estamos a traballar conxuntamente as concellerías de Turismo e de Mar.”