Turismo, comercio, mar, cultura, historia e puxanza económica. Este serían as principais liñas de traballo do actual Goberno noiés, liderado por Santiago Freire, a quen quixemos entrevistar para que nos fixese un resumo en pasado (o acadado nos dous anos da actual lexislatura) e en futuro (o que está por vir nos restantes dous anos) da actividade municipal do seu equipo de Goberno.
-Estanse a cumprir os dous anos de lexislatura e queremos facer un balance da situación no Concello de Noia e poñendo o foco no que se espera para os vindeiros dous anos. Xestión municipal e transparencia. Cales considera que son os principais logros do seu Goberno?
-Hai unha serie de investimentos moi destacados. Entre eles, o proxecto de remodelación da depuradora de Noia, que representa unha iniciativa estratéxica clave en infraestrutura ambiental, cun investimento aproximado de 3 millóns de euros destinados á transformación integral da planta. Este proxecto é fundamental para mellorar a calidade das augas residuais nunha ría produtiva, beneficiando a sectores como o marisqueiro, o pesqueiro e o turístico, e constitúe un primeiro paso cara a futuras ampliacións. As obras van permitir optimizar a capacidade de xestión e tratamento da depuradora.

Outro gran proxecto é a mellora da ETAP, a Estación de Tratamento de Auga Potable, que vén cun investimento de en torno a 1,5 millóns e que vai permitir optimizar a planta, mellorar a capacidade de almacenamento e aplicar novas técnicas como a ozonización.
Outra das actuacións destacadas nestes dous anos de mandato é a construción dun albergue turístico na Chaínza, que veu cun investimento de 500.000 euros que ten un especial significado para Noia porque supón poñer en valor unha histórica fábrica de curtidos, referente do patrimonio industrial, que no seu día adquiriu o Concello. Ao abeiro deste proxecto, está previsto tamén habilitar un centro de día e unha factoría da mocidade, ao servizo da creatividade o lecer da xuventude local.
Tamén quero destacar outros investimentos en melloras de instalacións deportivas, no acceso a núcleos rurais, na pavimentación de vías e na accesibilidade.
Respecto da saúde financeira, gustaríame salientar que as condicións económicas do Concello de Noia están entre as mellores da comarca, destacando no Barbanza e na contorna de Muros-Noia polo seu período medio de pago a provedores, unha liquidación con remanente positivo de tesourería de en torno a 4,5 millóns de euros e un superávit orzamentario moi destacado. O Concello de Noia rende contas (liquidación e informes orzamentarios) en tempo e forma e fai gala de transparencia, eficiencia e boa praxe na xestión.
-Que medidas está a impulsar o Concello para o pequeno comercio?
-Para o pequeno comercio desenvolveuse unha campaña de bonos estimulada con fondos municipais que permitiu dinamizar o tecido produtivo de Noia, ao que se sumaron campañas de decoración nas rúas nas que tiveron unha parte activa as persoas integrantes de asociacións inclusivas do concello como Misela. Queremos seguir facendo atractiva a afluencia ao comercio de proximidade e ao centro histórico de Noia, unha vila que segue a ter unha marcada vertente comercial. Compleméntase todo isto cun intenso programa de acción cultural que incide positivamente no plano económico e no que se inclúen festas patronais, a Feira Medieval, o Entroido de Verán, os ciclos de concertos de arpa ou de jazz, o Rally de Noia, a Semana Santa, o San Marcos, a Feira Cabalar, etc. A maiores, fixemos importantes melloras no Polígono de Auga Levada, como a pavimentación e a ampliación das vías de acceso, o acondicionamento de parcelas municipais para o acopio e a almacenaxe, e a mellora de sistemas de videovixilancia para apoiar aos autónomos e ás empresas locais.
-Falemos agora sobre servizos públicos e benestar social…
-Hai unha aposta clara do Concello neste ámbito. No relativo á mellora dos servizos sanitarios, o Concello adquiriu unha parcela na que fixo un investimento de 1 millón de euros para poñela a disposición da Xunta con vistas á construción do novo centro de saúde de Noia, unha iniciativa que está na fase de redacción de proxecto construtivo. O investimento total será de 10 millóns de euros e darase servizo non só ao concello de Noia, senón tamén, como centro de atención continuada, a Lousame, Outes e Porto do Son, cubrindo unha poboación duns 32.000 habitantes.
No plano educativo, apostamos por unha forte colaboración cos centros educativos mediante axudas para material escolar, para o comedor escolar e para actividades de conciliación. Falamos tamén dun investimento de máis de 4 millóns de euros en reformas levadas a cabo nos centros educativos do municipio (dous colexios públicos, dous institutos) enfocadas en infraestruturas, eficiencia enerxética e impermeabilización. Hay previstas más actuacións en fachadas, por exemplo as que se prevén realizar o IES Virxe do Mar. Amais, as axudas e subvencións ás ANPAs e os centros educativos superan os 150.000 euros anuais.
En materia de servizos sociais, foi licitado recentemente o Servizo de Axuda no Fogar, SAF, cun incremento significativo da contía económica para reforzar o servizo e mellorar as condicións laborais das traballadoras. Ademais, outórganse subvencións a entidades sociais relevantes A Misela, A Creba, Fundación Blanco Romero Monroy, Cáritas e Cruz Vermella, que superan amplamente os 100.000 anuais.
-Respecto do medio ambiente, que actuacións está a impulsar o Concello?
-Están a levarse a cabo accións significativas nesta materia, incluíndo a reforma integral da depuradora (que suporá practicamente a construción dunha nova instalación), a promoción de enerxías limpas como a solar (con paneis en edificios municipais e na Piscina Municipal) ou a aerotérmica (en instalacións deportivas como o Pavillón Augustín Mourís ou a Piscina Municipal) e a configuración de comunidades enerxéticas, buscando a optimización e a redución do consumo enerxético. Sobre este último punto, apostamos por utilizar cubertas de edificios municipais para dar servizo non só aos propios edificios senón tamén á veciñanza da contorna.
-Que recursos e oportunidades ofrece Noia á xuventude en materia de formación e emprego?
-O Concello vén fomentando activamente a formación da mocidade a través de programas de emprego (Obradoiros de Emprego) e mediante unha variada oferta de lecer xestionada pola Oficina de Información Xuvenil. Ademais, promove a cultura e o deporte con importantes recursos, logrando destacados éxitos deportivos a nivel nacional e internacional e unha rica axenda cultural. Os Obradoiros de Emprego que se xestionan anualmente ofrecen á xuventude local a posibilidade de completar a súa formación, adquirir titulacións e mellorar a súa empregabilidade. Benefician cada ano a unhas 200 persoas.
Ademais, a Oficina de Información Xuvenil de Noia desenvolve programas e actividades en colaboración coa Xunta de Galicia, promovendo actividades culturais, lúdicas e deportivas.
En materia de deporte, destínanse importantes recursos á colaboración e subvencións a clubs deportivos, e no plano cultural a oferta inclúe festivais, exposicións, conferencias e congresos, como a terceira edición do Congreso de Odontoloxía de carácter nacional e internacional. Tamén colaboramos coa Universidade de Santiago en cursos de verán e actividades formativas.
-Dicía a vicepresidenta da ARD Ría de Muros e Noia (María Lago) na pasada edición de FITUR que os concellos da comarca están unidos e saben traballar en equipo: traballan en “modo ría”. Coincide vostede nisto?
-Efectivamente hai unha boa relación entre os concellos. Normalmente todas as propostas saen adiante por unanimidade logo do consenso correspondente, hai boa sintonía e con independencia das diferencias ideolóxicas, hai cordialidade e entendemento, e ten que ser así para acadar o beneficio común dos concellos e do sector. Isto está dando resultado, e así nolo manifestan os propios comerciantes e hostaleiros que perciben unha maior afluencia turística. Isto tamén o notamos en FITUR e noutros eventos turísticos nos que estamos presentes, onde percibimos un interese cada vez maior polo noso destino.
Existe unha sólida e consensuada cooperación entre os cinco concellos que conforman a ARD Ría de Muros-Noia. Trabállase conxuntamente na promoción turística, aproveitando a complementariedade das súas ofertas e xestionando proxectos comúns como o plan de sustentabilidade turística, o que se traduce nun aumento do interese e a afluencia de visitantes á zona.
Apostamos por unha oferta turística complementaria entre os municipios: algúns con máis costa e praia, outros con centros históricos atractivos (Noia, Muros), e recursos como o Museo da Minería en Lousame ou os Castros de Baroña en Porto do Son.
Quero destacar aquí a xestión do plan de sustentabilidade turística que supón ao redor de 2 millóns de euros en accións para fortalecer a sinalización, identificación e estudos relativos ao Camiño da Ría de Muros e Noia.
-Falemos agora do que queda de lexislatura no Concello de Noia, de investimentos e proxectos futuro para o que queda de mandato…
-Para o resto da lexislatura planéanse importantes investimentos en infraestruturas. Destaca o desdobramento do corredor Brión-Noia, cun investimento superior aos 29 millóns de euros na súa primeira fase. Suporá unha importante mellora na seguridade viaria e na velocidade diaria media en tránsito.
Tamén será posto a punto o acceso principal a Noia, a travesía de Vista Fermosa, e máis o paseo marítimo de Labarta, con investimentos de máis de 1.000.000 de euros en cada un dos proxectos. No paseo marítimo habilitarase máis estacionamentos e impulsarase a integración paisaxística, soterrando os tendidos eléctricos e renovando os elementos. Traballarase nunha superficie de 6.300 metros cadrados e incluiranse máis 400 prazas de aparcamento.
Complementaranse proximamente estas actuacións coa ampliación de visibilidade na glorieta da Barquiña e outras actuacións.
A todo o devandito habería que sumar importantes investimentos futuros como o proxecto de centro de día, a factoría da mocidade e o centro de saúde.
-Cales son as razóns polas que habería que vivir e traballar en Noia?
-Noia preséntase como un lugar atractivo para vivir e con importantes perspectivas de avance para os vindeiros anos, grazas á súa proximidade con respecto a Santiago (uns 20 minutos), a uns prezos por vivenda moi asumibles, ás súas boas conexións (aeroporto, AVE, hospital de referencia), á proximidade do mar, á reactivación da promoción de vivendas colectivas e unifamiliares e ao seu potencial turístico. Temos boas conexións cara a Santiago, co resto do Barbanza (Boiro, Ribeira, Pobra, Rianxo) e co sur de Galicia. A isto súmase unha climatoloxía favorable e a proximidade a servizos hospitalarios.
-Para rematar, falemos das novidades do Camiño de Santiago pola Ría de Muros e Noia…
-Pois entre as novidades máis relevantes está a presentación da guía El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia, elaborada por Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos nos Camiños de Santiago. Trátase da primeira guía sobre esta ruta xacobea e que foi editada pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia co apoio do GALP Costa Sostible.
Por outra banda, os concellos estamos a despregar importantes esforzos para consolidar O Camiño da Ría de Muros e Noia, un roteiro de peregrinación marítima que aspira a ser itinerario cultural europeo coa participación de países como Italia, Portugal, España e mesmo Noruega.
Apoiando esta iniciativa temos non só aos concellos da asociación, Porto do Son, Noia, Lousame, Outes e Muros, senón tamén a outros municipios interiores polos que discorre o roteiro, como son Rois, Brión, Ames e Santiago, ata a súa chegada a Compostela.
Estamos a falar dun itinerario xacobeo finalizado, perfectamente identificado e con historicidade acreditada.
Ademais, está a traballarse nun roteiro circular para que peregrinos que chegan a Fisterra poidan volver a Santiago a través da ría de Muros-Noia, o que podería supoñer un factor económico importante.
Agora toca pelexar para que se afiance e se incremente o número de visitantes que o transita, e tamén para lograr máis recoñecementos, logo de ter recibido o do Arzobispado.



