Rois renderá homenaxe no Santo Isidro a Ramón e Clara Abalo polo seu traballo coas camelias

01 Maio 2025
Clara e Ramón Abalo

O Concello de Rois organiza unha ampla programación cultural e deportiva para o mes de maio, coincidindo coa celebración das festas patronais e das Letras Galegas e que terá o seu día grande do día do Santo Isidro. O 15 de maio Ramón e Clara Abalo recibirán a homenaxe Santo Isidro Labrador polo seu traballo no mundo da camelia durante unha festa da que será pregoeira a moza María Losada Vázquez.

Ramón e Clara Abalo, pai e filla veciños de Oín, cultivan e coidan preto de setecentas variedades de camelias e non se cansan de recibir premios nos concursos ou certames aos que se presentan. O último foi o pasado mes de febreiro en Pontevedra, no Concurso Exposición Internacional da Camelia, no que conseguiron o primeiro premio na categoría doutras especies de camelia e o segundo no de camelia xapónica branca.

O xoves 15 de maio pai e filla recibirán a homenaxe Santo Isidro Labrador durante a celebración o xantar popular que organiza o Concello con motivo das festas patronais. Unha festa da que este ano será pregoeira a moza roisense María Losada Vázquez, que o vindeiro mes de xuño presentará o seu segundo libro, titulado El club de los neurodivergentes. Más que todo. Durante o acto tamén se entregará o premio a Victoriano Trenco Diz, como gañador do concurso para elixir o cartel anunciador das festas.

Como todos os anos, o xantar popular do Santo Isidro xuntará a centos de persoas no polideportivo dos Dices. Para asistir é necesario retirar a correspondente entrada no Concello de Rois antes do 12 de maio. Os prezos do menú son de 7 euros para nenos e nenas de Rois de 10 anos ou menos, 12 euros para as persoas empadroadas en Rois e 27 euros para as persoas non empadroadas en Rois. O día da festa, o Dúo Marema, inchables e xogos animarán a sobremesa.

O día seguinte, 16 de maio, celebrarase no campo da festa de Rois a gran verbena do Santo Isidro, que estará amenizada pola orquestra Charleston Big Band e La Mega CDC.

María Losada Vázquez na presentación do seu libro

Actividades culturais e deportivas

Coma todos os anos o Concello de Rois conmemorará o Día das Letras Galegas cunha ampla programación cultural e deportiva que comeza coa exposición As cantareiras e a poesía popular oral. Letras Galegas 2025, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no multiúsos a partir do día 5.
O 9 de maio pola tarde celebrarase unha nova edición do Serán da Lingua, para dar protagonismo as agrupacións folclóricas locais . A partir das 19.00 horas no auditorio municipal actuarán o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, as Cantareiras das Amas de Casa de Rois, as Repeniqueiras de Urdilde e as Pandeireteiras de Ermedelo. O acto rematará cunha gran chocolatada.

O 10 e 11 de maio collerá o relevo o alumnado da Escola Municipal de Música, cos Concertos de Primavera no auditorio (19.00 horas).

O alumnado dos centros educativos de Rois poderá gozar tamén cunha programación pensada especificamente para eles, cunha serie de espectáculos que se van desenvolver no Auditorio Municipal. O día 20, Tanxarina representará A biblioteca galáctica contra a IA fantástica para nenos e nenas de 4º a 6º de educación primaria.

O día 20 Pakolas porá en escena Ecoralia canta, canta, xoga e debuxa, pensada para nenos e nenas de educación infantil. O día 22, Alexandre Bóveda Teatro representa A fraga en perigo para alumnado de 1º a 3º de educación primaria. Xoán Curiel e Charo Pita levarán o seu espectáculo de teatro, música e narración oral ata Rois o día 23 para entreter a toda a familia (recomendado para menores a partir de 6 anos), e o 26 de maio o alumnado da ESO poderá escoitar a Avelino González co seu Monólogo GPA galego para adolescentes.

A programación cultural rematará o 30 de maio cunha nova celebración do Naturfest As voces de Rois, que este ano celébrase en Buxán, para poñer en valor a tradición oral e render homenaxe “ás voces que fixeron e seguen facendo posíbel que chegue ata nós este gran legado”.

Ademais, o Concello de Rois recorda que ata o 30 de setembro pódense presentar os traballos para participar no Certame Literario Lois Aldegunde de Relato Breve e Poesía.

Ciclismo, andaina e tenis

A programación deportiva inclúe o XVIII Premio Ciclista do Santo Isidro. Trofeo Suso Blanco Villar, que se disputará o sábado 10 de maio, a partir das 16.00 horas, para categorías cadete e júnior (masculino e feminina) e Sub-23 e elite femininas. A saída e meta será diante da Casa Consistorial.
O domingo 18 de maio celébrase a VI Andaina do Santo Isidro. Letras Galegas, con saída (10.00 horas) e chegada no polideportivo de Rois e un percorrido de 14 quilómetros con coplas da tradición oral de Rois. As inscricións poden facerse ata o 14 de maio na web www.emesports.es
E o sábado 31 de maio, de 10.00 a 14.00 horas, disputarase o II Torneo infantil de tenis no Polideportivo de Rois e na pista de Herbogo.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...