Rois celebra as festas de Santo Isidro con emoción, homenaxes e tradicións populares

15 Maio 2025

O municipio de Rois viviu hoxe unha xornada marcada pola emoción, a memoria e a tradición con motivo das súas festas patronais na honra de Santo Isidro Labrador. Máis de 700 persoas reuníronse no polideportivo dos Dices para participar nun xantar popular que foi, ademais, escenario dunha agarimosa homenaxe a veciños e veciñas que representan o mellor do municipio.

Entre os momentos máis destacados do día estivo a entrega do recoñecemento Santo Isidro Labrador a Ramón e Clara Abalo, en agradecemento á súa dedicación ao cultivo das camelias, convertidas nun símbolo do municipio grazas ao seu labor. “As camelias son as flores da ilusión e da amizade”, dixo Clara Abalo, lembrando que a súa relación con estas flores comezou no 1985 e hoxe xa contan con máis de 700 variedades, algunhas únicas, en propiedades de Oín.

O alcalde, Ramón Tojo, foi o encargado de facer entrega da distinción, agradecendo a Ramón e Clara “por levar sempre con orgullo o nome de Rois aló por onde van”.

Outro dos momentos emotivos da mañá foi a homenaxe ás persoas centenarias do municipio: José Veiga Gandarela (105 anos), Serafina Barbazán Neo (103), Josefina Lago Rey (102) e José Vázquez Castaño (100). Cada un deles recibiu unha emotiva lembranza acompañada dunha fotografía proxectada no escenario.

A festa contou tamén co pregón da moza da Peruca, María Losada Vázquez, graduada en Filoloxía Clásica e autora literaria, quen agradeceu emocionada ser pregoeira e destacou que “Rois é o meu fogar e a inspiración das miñas novelas”. María presentará o seu segundo libro, El club de los neurodivergentes: más que todo, o vindeiro mes de xuño.

Durante o acto tamén se fixo entrega do premio ao autor do cartel anunciador das festas a Victoriano Trenco Diz.

A xornada comezou con pasarrúas e alboradas a cargo do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima polas rúas de Urdilde e Rois. Posteriormente celebrouse a misa solemne cantada polo Coro de Buxán e a tradicional procesión co patrón.

O xantar popular, servido pola pulpería Veloso, incluíu empanada, polbo e carne ao caldeiro, nun ambiente animado por xogos, inchables e a música do dúo Marema.

Ao acto asistiron representantes do goberno local, así como autoridades autonómicas, a delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada do director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e doutros municipios, entre eles o director xeral da PAC Juan José Cerviño, a delegada territorial da Xunta Belén do Campo, e os alcaldes de Padrón, Dodro, Pontecesures e Teo, así como o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.

As festas do Santo Isidro rematarán mañá cunha gran verbena no campo da festa, a partir das 23.00 horas, a cargo da orquestra Charleston Big Band e do grupo La Mega CDC. A noite contará tamén cun Punto Lila, activo desde a medianoite ata as tres da madrugada, para garantir unha festa segura para todas e todos.

Rois volveu amosar que segue fiel ás súas raíces, celebrando a súa identidade a través das persoas, a cultura e o compromiso colectivo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...