Porque foron, somos. Porque cantaron, cantamos. Esta é a campaña que hoxe lanza PuntoGal, en colaboración co Museo do Pobo Galego, para celebrar o Día das Letras Galegas. A festa do 17 de maio está dedicada este 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral, de xeito que se recoñece a importancia das mulleres que preservaron a tradición musical e lingüística galega. O dominio homenaxéaas cun vídeo, unha ilustración e a adaptación dunha peza clásica popular.
Segundo sinala Ana Boullón Agrelo na web da Real Academia Galega, as cantareiras “foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os
vencellos comunitarios no lecer colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto”. Esta tradición musical e lingüística hoxe en día, e grazas a elas, vive en todos nós. Unha tradición que moldea a nosa sociedade, o noso xeito de ser e a
nosa cultura. Unha tradición que serve de ponte coas novas xeracións. Elas cantaron á vida de maneira anónima e nunca foron protagonistas, nin recibiron o recoñecemento que merecía o seu labor na creación e transmisión dunha cultura popular tan rica.
Esta campaña dálle o protagonismo ás sete mulleres homenaxeadas, poñéndolles cara, poñéndolles nome e concedéndolles todo o espazo comunicativo. Por iso, fixéronse os seus retratos para as gráficas e nomeáronse no texto da canción que se reescribiu. O eixe da acción consiste en que, nesta ocasión, é Galicia quen lles canta a elas. E que mellor forma de facelo que a través dunha das cantigas máis coñecidas do cancioneiro popular galego: A saia da Carolina. Esta peza, que seguramente tamén cantaron elas, está recollida no Cancioneiro Popular (volume VI, c.1873), pero que se presenta agora cunha letra escrita por e para elas. Iso si, respectando a métrica e a estrutura musical das cantigas tradicionais, como non podía ser doutra maneira.
Na letra recoñécese o seu legado e ponse de relevo que o seu esforzo cristalizou nas actuais xeracións de mulleres e homes que seguen cantando as cancións que elas mantiveron vivas. Grazas ás cantareiras, resoa a nosa voz.
Toda a campaña fíxose en colaboración co Museo do Pobo Galego, non por casualidade. O legado das cantareiras está a refuxio no seu Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), onde se dixitaliza, cataloga e difunde o patrimonio inmaterial galego. O Arquivo, que conta co apoio de PuntoGal
desde 2022, ten dixitalizadas máis de 2.500 cintas, das que se sacaron 27.500 cortes, dos cales na súa web hai dispoñibles arredor de 1.800. O APOI naceu en 2007 e conta, ademais, con patrimonio doutro tipo, como contos, cerimonias, romarías ou entroidos.
Nome e voz
Moitos artistas e grupos pasan por este servizo para documentarse. A presidenta do Padroado do Museo do Pobo, Concha Losada, asegura que se trata de “construír sobre as raíces que temos para interpretar o mundo e para emocionarse, para sentir e para crear”. “Dise que a tradición oral é de
mulleres, pero é anómina, a ninguén lle importa poñerlles nome. A nós si, xa lle puxemos nome e voz a centros de mulleres que cantaron e queremos seguir nese labor”, di Losada.
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, pon o acento na “necesidade de preservar o patrimonio inmaterial galego, o sustrato da nosa cultura, e difundilo entre as novas xeracións para que siga crecendo e evolucionando noutras voces”. Por iso, “o dominio apoia de forma decidida os traballos que se fan no APOI e no Museo do Pobo Galego xa que son, tamén, parte do ADN do dominio”. “Esta campaña é boa mostra do que representa PuntoGal e dos seus valores”, conclúe.
O vicepresidente de PuntoGal e representante do dominio no Padroado do Museo do Pobo, Camilo Regueiro, engade que “somos conscientes de que unha das nosas maiores riquezas como pobo é o noso riquísimo patrimonio inmaterial popular que, en parte, corre o risco de perderse se non se
conserva todo o traballo feito por persoas e entidades que se dedicaron a recompilar ese legado”.
A peza vai acompañada dunha ilustración elaborada por Xela García Carballo e un vídeo que hoxe se comeza a difundir. Xela é unha ilustradora de Santiago de Compostela que se formou na Escola Pablo Picasso da Coruña, e que tamén traballa na realización de videoxogos.
Miguel Rego, director da axencia Lapera, responsable da campaña, sinala que o título da acción comunicativa “afonda no concepto creativo. Do cantar pasamos ao ser. A herdanza recibida das cantareiras vai máis aló dunha transmisión puramente musical. Elas mantiveron a tradición oral, pero
tamén o idioma e a identidade dunha Galicia que se transmite en cada unha das súas cantigas. Non só son, por tanto, unhas cancións e unha forma de cantar, é toda a identidade dun pobo a que se mantivo viva grazas a elas”. As gráficas inclúen un QR onde se pode escoitar a peza.
No spot, cunha duración de arredor dun minuto, aparece de novo a imaxe das cantareiras, cos seus nomes. “Convertemos a primeira estrofa da canción nun canto a capella para darlle maior solemnidade e arrincamos o retrouso con maior ritmo para aplicarlle enerxía á peza e mostrar que a tradición segue moi viva en todas nós”, finaliza Rego.
A letra
A peza foi gravada por Ana Edreira. Esta cantareira é mestra de canto e percusión tradicional galega, cunha sólida formación vocal e unha ampla traxectoria como docente, directora das pandeireteiras de Xacarandaina e investigadora da nosa tradición a través da recollida de campo.
A letra completa da peza é a seguinte:
O ano das cantareiras
leva os seus nomes gravados
das mulleres que cantaron
mailas que seguen cantando.
Porque cantaron elas,
cantamos hoxe nós
Foi porque_ elas cantaron
que están vivas en nós
que están vivas en nós
que están vivas en nós
Grazas ás cantareiras
resoa a nosa voz.
Cantan con forza: Teresa,
Prudencia, Rosa e Manuela
Asunción e Adolfina
Tamén Eva Castiñeira
Porque cantaron elas,
cantamos hoxe nós
Foi porque_ elas cantaron
que están vivas en nós
que están vivas en nós
que están vivas en nós
Grazas ás cantareiras
resoa a nosa voz.
Vou a dar a despedida
Vou a dar a derradeira,
honremos ás cantareiras
no día das nosas Letras
Porque cantaron elas,
cantamos hoxe nós
Foi porque_ elas cantaron
que están vivas en nós
que están vivas en nós
que están vivas en nós
Grazas ás cantareiras
resoa a nosa voz.

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da
tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.300 dominios .gal rexistrados.



