Os músicos da romaría de San Campio (Outes) abren a escolma do Arquivo da RAG de imaxes arredor do cancioneiro

14 Maio 2025

O Arquivo da Real Academia Galega estrea nesta semana central das Letras Galegas 2025 unha serie na que escolma e comenta imaxes históricas relacionadas coa poesía popular oral e as cantareiras, ás que a institución lles dedica a gran festa deste 17 de maio, Día das Letras Galegas. A escolma empeza cunha estampa inmortalizada por José Prieto Guerra a finais do século XIX na popular romaría de San Campio de Santo Ourente de Entíns (Outes). O posado, que comenta a académica Margarita Ledo, “evoca o canto tradicional do pobo que está na cerna da celebración”, segundo a RAG.

A imaxe coloreada

As pezas comentadas compartiranse na sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal. Todas elas forman parte do fondo arquivístico dixitalizado e dispoñible en aberto en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia.

A imaxe de Prieto Guerra consérvase no fondo do académico fundador Eladio Oviedo Arce (Noia, 1864-1918), quen lle debeu de encargar outras fotografías na zona da ría de Muros e Noia en distintos momentos, de acordo coa documentación gráfica conservada no Arquivo da Academia e mais con correspondencia que intercambiaron. José Prieto Guerra realizou este retrato de grupo cara a 1890, na romaría de San Campio, Santo Ourente de Entíns, concello de Outes, que se celebra a finais do mes de setembro.

A imaxe orixinal

Tamén chamada romaría do mal cativo, a romaría de San Campio gozou, e segue a gozar, de gran sona en Outes e nos concellos veciños. E como suxire a estampa, a parroquia de Santo Ourente debeu de ser dende hai moito tempo berce de xente cantareira. A ela chegou en xaneiro de 1979 Dorothé Schubarth, á procura de melodías e cantigas populares que cantaron para ela, entre outros veciños e veciñas, María Mercedes, de 90 anos, Manola (58), Pelegrina (83) ou Beleiro (76), quen entoaron coplas coma estas: San Campio é moi valente /que ten a ialma no ceo / i o corpo en San Orente; Romaría de San Campio / non che era para perdere / se Deus quere e non morro / para o ano hei de volvere; San Orente é boa terra / dun pino qu’había alí / fixen un barco de guerra / ai la la la ai la la / ai la la la la la ra la.

A etnomusicóloga suíza tamén lle recolleu en Santo Ourente a Marisol (64 anos) estoutra copla igualmente incluída no Cancioneiro Popular Galego que publicou coa colaboración do académico Antón Santamarina: Malpica dos meus amores / o rei che quixo vendere / para mercar a Malpica / moitos cartos hai que tere. O rexistro destes versos pode ser unha boa proba da popularidade alén da comarca dunha romaría á que tamén foron cantar as pandeireteiras de Mens, segundo indica José Manuel Fernández Pensado, Manel de Aturuxo, no volume As Vellas de Mens (Galaxia, 2025), dedicado ás cantareiras e tocadoras do concello de Malpica de Bergantiños nas que a RAG personifica a homenaxe destas Letras Galegas 2025 canda Rosa e Adolfina Casás Rama e mais Eva Castiñeira.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hay corruptos porque los controles no funcionan”. Manuel Velo

“Hay corruptos porque los controles no funcionan”. Manuel Velo

Se echan de menos los contrapesos que actúen a tiempo con neutralidad y profesionalidad. No hay verdadero interés por acabar con la corrupción a pesar qué según datos, España tiene más órganos de control que cualquier país de la UE. Las escaramuzas que de vez en cundo...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.