O Concello de Boiro saca a licitación o proxecto para a renovación de pavimentos en núcleos rurais: Boiro de Arriba, Armada e Aspra, Cubeliños, Pazos de Coroño e Saltiño. O proxecto ten un prezo de saída de 153.206 euros e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas mediante a Plataforma de Contratación do Sector Público ata o 16 de xuño.
En concreto, o Goberno local informou que as actuacións que se pretenden levar a cabo contemplan a renovación de pavimentos no Boiro de Arriba, na parroquia de Boiro; Armada e Aspra, na parroquia de Bealo; Cubeliños, na parroquia de Cespón; e Pazos de Coroño, na parroquia de Cures; así como a renovación de pavimentos e pluviais no lugar do Saltiño.
Trátase de tramos de camiños públicos municipais que presentan un avanzado estado de deterioro agravado durante a época de choivas, polo que “é necesaria a mellora do firme para garantir o acceso dos veciños ás súas vivendas”, sinalou o Concello, engadindo que no caso da actuación do Saltiño, complétase coa instalación da rede de pluviais que vai canalizar as augas dun grupo de vivendas e que causan pequenos asolagamentos na zona próxima ao centro de saúde en días de moita choiva.
Este proxecto vaise levar a cabo mediante o financiamento da Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos – Plan Único Concellos (POS+).





