
O Concello de Boiro convoca un proceso selectivo para a confección dunha bolsa de emprego para a contratación laboral temporal de peóns de servizos varios. O sistema de acceso será mediante oposición libre e os contratos de traballo formalizaranse baixo a modalidade contractual laboral temporal para o caso de substitucións, ausencias ou reforzos.
Nas bases faise saber que as persoas candidatas deberán cumprir unha serie de requisitos esixidos para o acceso ao emprego público como son “ter a nacionalidade española, ter cumpridos os 16 anos, posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas do posto, non atoparse incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade, non ter sido despedido mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública”.
Ademais, as persoas aspirantes deberán estar en posesión do título ou certificado de escolaridade, estudos primarios ou como mínimo 2º da ESO.
O prazo para a presentación de solicitudes está aberto dende este venres e durante 10 días hábiles. As persoas interesadas deberán presentar as súas instancias no Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro, acompañadas da documentación acreditativa de cumprir cos requisitos do posto. As bases e toda a información está dispoñible na web municipal.