A Asociación de Empresarios de Ribeira celebra este venres 30 de maio unha nova edición da campaña Noite Aberta, unha iniciativa concibida para dinamizar o comercio local e ofrecer, en palabras da patronal, “unha experiencia diferente a veciños e visitantes”, Deste xeito, durante esta xornada especial, os establecementos participantes permanecerán abertos ata as 22:00 horas, permitindo aos clientes facer as súas compras fóra do horario habitual e gozar dunha tarde-noite de ambiente festivo polas rúas da cidade.
A partir das 19:30 horas, as rúas encheranse de vida coa presenza de animación para todos os públicos. O obxectivo da Asociación de Empresarios é “crear un espazo divertido para compartir en familia ou con amigos”.
Ademais, máis de 30 comercios adheridos á campaña ofrecerán descontos, agasallos e promocións especiais, “unha oportunidade única para apoiar o comercio de proximidade e beneficiarse de prezos vantaxosos”, sinalou a asociación.
Esta campaña está co-financiada pola Xunta de Galicia.




