A voceira de Pesca do BNG no Parlamento, a pobrense Rosana Pérez, emprazou este luns (5 de maio) o Goberno do PP a rexeitar a posibilidade de que as rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa, sexan o punto de depósito de materiais de dragados. “Non poden botar outra lousa máis enriba da ría”, dixo, advertindo que o depósito de lodos constitúe unha ameaza máis (“xunto a Altri e a reapertura da Mina de Touro”) para unha ría que “hai xa tempo dixo basta e que o que necesita son medidas para a súa recuperación e non actuacións que a sigan convertendo no gran vertedoiro do país”.

Rosana Pérez, que defendeu unha proposición non de lei neste sentido, aludiu especificamente á proposta feita polo Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex), dependente dos ministerios de Transportes e de Transición Ecolóxica, para manter o punto E8, a 2 millas de Sálvora e a 3,7 de Ons, como alternativa prioritaria para os depósitos da ría de Arousa. No mesmo informe, engadiu, establécese o punto D, ao sur das Rías Baixas, como o máis axeitado para as dragaxes que se executen na ría de Vigo, e no caso das de Pontevedra, como a do río Lérez, di que poden verterse indistintamente en calquera dos dous, explicou, criticando que á Xunta “non lle faltou tempo” para apoiar a proposta do Cedex, “o que permitiría iniciar a tramitación ambiental e posterior licitación das obras da dragaxe do Lérez e das 16 paralizados desde Muros ata a ría de Pontevedra”, sinalou, avogando pola necesidade de dragar o río Lérez e rexeitando que a Xunta queira “cargarlle o morto á ría de Arousa, na que se prevén agora depositar os lodos e que xa está nunha situación de devalo produtivo”.
A deputada nacionalista instou así ao Goberno do PP a “escoitar o sector pesqueiro da ría de Arousa, que rexeita os depósitos na zona E8 do mesmo xeito que rexeitou o sector en Pontevedra que se levasen máis de 221.000 Tn. de sedimentos ao oeste a illa de Tambo, na ría de Pontevedra, e nos bancos marisqueiros entre Campelo e Combarro, tal e como se prevía no anteproxecto para a dragaxe do Lérez publicado en 2017 e posteriormente modificado”.
É por iso que a proposta do BNG é, tal como se recolle na iniciativa que defendeu Rosana Pérez e contra a que votou o PP, “rexeitar a posibilidade de que as rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa, sexan o punto de depósito de materiais de dragados”. Unha reclamación que, segundo sinalou Rosana Pérez, vai na liña do acordo aprobado polo Parlamento galego en xuño do 2019, na que se instaba á Xunta á “elaboración dunha proposta alternativa sustentable para o depósito dos lodos procedentes do dragado do río Lérez, de tal forma que garanta que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, nomeadamente á ría de Arousa”.
O BNG demanda tamén ao Goberno do Estado, como se recolle na iniciativa noutro dos seus puntos, que non autorice a zona de Sálvora como punto de vertido de dragados e que proceda á clausura do mesmo. Rosana Pérez lembrou, ao respecto, que esta zona serviu como punto de vertido de millóns de metros cúbicos de lodos e outros materiais entre 1988 e 2021.