Este sábado 10 de maio celebrarase no Centro Cultural A Capela do Araño a terceira xornada de transformación de madeira en Rianxo enmarcada dentro das actividades do Laboratorio Ecosocial do Barbanza. A iniciativa está organizada pola Plataforma pola Defensa do Monte, en colaboración coas comunidades de montes do Araño e Baroña, e a Asociación Cultural A Carballeira de Baia.
A xornada incluirá demostracións de serradoiro móbil Logosol, a presentación dos avances do Laboratorio Ecosocial do Barbanza en materia de aproveitamento do monte e o faladoiro A madeira do monte ao mar. No faladoiro participarán Ramón Collazo (AGALCARI), Rodrigo Mosquera (TresOficios), Ovidio Queiruga (CMVMC Baroña), Emilio Saborido (CMVMC O Fieitoso) e Pepe Suárez (Serradoiro Hijos de Vicente Suárez).

A primeira destas xornadas, celebrada o pasado 22 de abril en Leiro (Rianxo), o serradoiro móbil da Comunidade de Montes de Baroña mostrou a súa capacidade para transformar madeira local, nun evento que contou coa participación de máis de 50 persoas, incluíndo alumnado e profesorado de obradoiros de emprego de Ribeira, Porto do Son e Boiro. Durante esa xornada, veciños e veciñas de Rianxo achegaron madeira para a súa transformación en directo, poñendo en valor o ciclo curto e comunitario. Asunción Piñeiro, titora do obradoiro de forestal no Tahume, sinalou: “Foi unha experiencia moi positiva; o alumnado veu encantado de poder ver aplicacións prácticas da súa formación”.
A segunda xornada celebrouse tamén en Leiro, centrada na transformación de madeira da Comunidade de Montes para a mellora das infraestruturas destinadas ao gando mancomunado. Esta actividade evidenciou o potencial da madeira local para crear solucións prácticas e sostíbeis, poñendo en valor o traballo comunitario e o aproveitamento directo do monte. Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte, destacou a relevancia da iniciativa, afirmando que “é fundamental apostar polas novas producións e pola transformación da madeira nos propios montes, co obxectivo de mellorar o aproveitamento a escala local e poñer en valor os recursos propios de cada comunidade”.
Esta terceira xornada no Araño busca consolidar ese traballo, promovendo o coñecemento arredor da transformación local da madeira e o seu aproveitamento sustentábel. Unha experiencia práctica para entender o ciclo completo da madeira a pequena escala: desde a produción en novas plantacións, á transformación de madeira no serradoiro móbil, ata o uso final en peches para o gando, mobiliario ou mesmo embarcacións tradicionais.
Durante a xornada haberá unha zona gastronómica con opcións para xantar ou petiscar, creando un espazo festivo e de encontro para todas as persoas asistentes.

Faladoiro A madeira do monte ao mar
O faladoiro contará coa participación de profesionais vinculados á transformación da madeira e á xestión comunitaria do monte, que buscarán poñer en valor os modelos de xestión respectuosa co medio e comunitaria, ao tempo que se exploran novas vías de aproveitamento da madeira no territorio.
Entre eles, Ramón Collazo, carpinteiro de ribeira e presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI), impulsor do uso da madeira local na construción de embarcacións tradicionais dende o Estaleiro Catoira de Rianxo. Tamén estará presente Rodrigo Mosquera, artesán ebanista e fundador de TresOficios, recoñecido polo seu traballo en pezas únicas de madeira maciza e pola súa defensa dos sistemas construtivos tradicionais. A xestión forestal comunitaria estará representada por Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña e impulsor do serradoiro móbil, unha ferramenta clave para pechar o ciclo produtivo da madeira no propio monte. Xunto a el, participará Emilio Saborido, presidente da Comunidade de Montes de O Fieitoso (Taragoña) e profesional do sector forestal, cunha ampla experiencia en transformación e aproveitamento sostible da madeira.
Finalmente, intervirá Pepe Suárez, do Serradoiro Hijos de Vicente Suárez, unha empresa con máis de 20 anos de traxectoria especializada en madeira de batea, un exemplo destacado de economía circular e valorización dos recursos locais.
O Laboratorio está financiado con fondos europeos grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. A coordinación do proxecto do Laboratorio está a cargo da Fundación RIA.