A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, participou este mércores 7 de maio na nova reunión do comité social da rexión asociada Arousa-Lab, encadrada no proxecto matriz Atlantic Arctic Agora (A-AAGORA), impulsado pola Consellería do Mar e enfocado na restauración dos océanos e augas para o 2030 nese territorio. O obxectivo foi poñer en común ideas de dinámicas enfocadas en sensibilizar sobre as boas prácticas arraigadas na zona.

A xornada estivo conducida polo director xeral de Amicos, Xoán España, e a propia directora xeral. Nela participaron membros do comité social como a responsábel de I+D+i de Mexillón de Galicia DOP, Ángeles Longa; o coordinador de PROTECMA da Fundación CETMAR, Anxo Mena; o director de Operacións de OPMEGA, Lino Suárez; e o guía do Equipo de Uso Público do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia; Jesús Framil; Juan José Rial, José Antonio Pérez e José Antonio Santamaría, patróns maiores das confrarías da Illa de Arousa, Ribeira e Aguiño respectivamente; e Adelo Freire, xerente da Organización de Produtores da Confraría de Noia; así como o director deportivo do Club de Remo Cabo da Cruz, Gustavo Vázquez.
Durante esta segunda reunión, o equipo puxo en común as distintas iniciativas que levan a cabo dende as súas entidades e organismos para a conservación do equilibrio da ría, co obxectivo de aprender delas e extraer ideas que poidan converterse en dinámicas de sensibilización.
Asemade, comezaron a darse pasos na planificación de accións medioambientais comúns na zona. A través delas preténdese mobilizar a distintos axentes sociais e membros da comunidade, como son escolares e profesionais do sector.
Arousa-Lab busca poñer en valor o traballo e a cultura mariñeira da zona, e afondar na labor que desenvolven os distintos actores da rexión mediante o reforzo positivo das súas boas prácticas. Tamén se contemplan distintas accións de restauración do fondo mariño, así como o estudo das solucións baseadas na natureza que poden aplicarse para adaptarse ao cambio climático.