Dispoñíbel en Academia.gal a edición conmemorativa da RAG para este 17 de maio: “Por que non hei de cantar?”

13 Maio 2025

Xa pode descargase da Rede, na sección de publicacións de Academia.gal, a edición conmemorativa da Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral. Trátase de Por que non hei de cantar?, de Manuel Rico Verea.

O volume, co que será agasallado o público que asista ao pleno extraordinario deste 17 de maio en Malpica de Bergantiños, é “un traballo sintético e de carácter divulgativo”, explica a RAG, engadindo que arrinca presentando as cantareiras de Cerceda, Malpica e Muxía nas que se personifica a gran festa da cultura galega, percorre as principais recolleitas históricas da poesía tradicional creada polo pobo e mais as publicacións literarias e musicais, e conclúe cunha lembranza da investigadora Dorothé Schubarth (1944-2023), que viaxou por toda Galicia entre finais dos anos 70 e primeiros 80 do século pasado á procura de melodías arcaicas.

A RAG lembra que “froito do inxente traballo da etnomusicóloga suíza” é o Cancioneiro Popular Galego, que acometeu coa colaboración de preto de 600 informantes e do académico Antón Santamarina, quen pronunciará este sábado unha das tres alocucións académicas da sesión da RAG.

Schubarth con Elisa e Delfina en 1979 /Colección de Antón Santamarina

A Academia celebra o 17 de maio dende Malpica

A Real Academia Galega celebrará a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños, concello natal das Pandeireteiras de Mens, nas que personifica este 17 de maio que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral canda Adolfina e Rosa Casás (A Vila da Igrexa, Cerceda) e Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía). Durante o pleno, que arrincará ás 12:30 horas, pronunciaranse as alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. A parte musical contará coas Tanxugueiras, exemplo senlleiro dos novos vieiros da tradición reinterpretada dende a modernidade. A sesión extraordinaria da RAG é de entrada libre ata completar a capacidade do auditorio e poderá seguirse en directo dende Academia.gal e a canle de Youtube da Academia.

O programa, de acordo cos motivos que levaron a Academia a promover a candidatura das cantareiras, reivindica dous esteos fundamentais da lingua e da cultura de noso: o legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan estas Letras colectivas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e mais a súa continuidade en novas voces como as de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, que lles abren á tradición e á lingua novos e exitosos vieiros creativos.

Este será o segundo acto da RAG co gallo das Letras Galegas 2025, tras a presentación da nova edición de Primavera das Letras, o seu proxecto web para o público infantil, no concello natal de Rosa e Adolfina. O alumnado do CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda protagonizou o pasado mes de marzo a estrea da peza teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira –autora gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática– e ilustrada por Nuria Díaz. A edición dixital do texto pode descargarse en primaveradasletras.gal, onde tamén se ofrecen actividades interactivas, fichas para colorear, marcapáxinas e chapas sobre as cantareiras. A terceira gran cita das Letras terá lugar xa no outono en Muxía. A terra onde naceu e medrou Eva Castiñeira será punto de encontro de especialistas que afondarán en novas olladas arredor do fenómeno das cantareiras e a poesía popular oral.

 Serie documental e micropezas sobre toponimia

Alén das actividades presenciais, a Academia celebra as Letras con intensidade na Rede, con contidos para todas as idades. Mentres Primavera das Letras se centra no público máis novo, a sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal ofrece diversos contidos, entre eles a serie documental web Se canto é porque quero, que pode verse ademais en Agalega.gal e que será emitida na G2 o 15 de maio ás 22:30 horas. Tamén en clave audiovisual, A RAG estrea este mes varios episodios da serie O Seminario de Onomástica responde, dedicados a topónimos relacionados coas protagonistas deste 17 de maio: Xa están dispoñibles os dedicados a Vila da Igrexa e Cerceda e mais Mens, e as vindeiras semanas estrearanse os de Malpica de Bergantiños e Muxía.

 Tres epicentros do canto e do baile

De acordo cos seus estatutos, a Real Academia Galega personificou a celebración do vindeiro 17 de maio nas catro Pandeireteiras de Mens que faleceron hai máis de dez anos: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, constituíron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que espallaron polo mundo adiante a poesía popular oral, tras se integraren nos anos 70 do século pasado na Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña. Todas elas son naturais dunha parroquia, e dunha comarca, extraordinariamente rica no tocante á tradición oral e escenario de múltiples recollas en distintos momentos históricos.

O Boletín da Real Academia Galega recolleu dende os primeiros anos de vida da institución algúns destes traballos, entre os que destaca o Cancioneiro de Buño, composto por 84 coplas publicadas en varios números saídos do prelo entre 1911 e 1913. Todas elas foron escoitadas a Dolores Cancela Pérez, labrega de 17 anos natural de Buño, cuxa contribución facilitou que este herdo siga a ser interpretado por cantareiras e bailado en foliadas. Deste e doutros cancioneiros históricos e actuais fálase nun artigo específico publicado na sección das Letras.

Apoios

As actividades da Real Academia Galega co gallo das Letras Galegas desenvólvense co apoio de diversas institucións públicas. A sesión do 17 de maio conta coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. O Goberno autonómico e central tamén colaboraron economicamente na publicación conmemorativa do 17 de maio e mais na produción da serie Se canto é porque quero canda a Deputación da Coruña, que financia Primavera das Letras.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hay corruptos porque los controles no funcionan”. Manuel Velo

“Hay corruptos porque los controles no funcionan”. Manuel Velo

Se echan de menos los contrapesos que actúen a tiempo con neutralidad y profesionalidad. No hay verdadero interés por acabar con la corrupción a pesar qué según datos, España tiene más órganos de control que cualquier país de la UE. Las escaramuzas que de vez en cundo...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.