Aberto (até o mércores 14) o prazo para inscribirnos na Carreira Camiño das Letras

12 Maio 2025

A Consellería de Cultura presentou os detalles dunha nova edición da Carreira Camiño das Letras, a proba deportiva de Xurdir Eventos e a Xunta para festexar a lingua galega na que se combina actividade física, celebración cultural e posta en valor do Camiño de Santiago. Segundo explicaron o conselleiro José López Campos, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a iniciativa celebrarase o vindeiro sábado 17 de maio con dúas rutas principais. A primeira delas, de 15 quilómetros, partirá do Pico Sacro con meta na Cidade da Cultura (Santiago), mentres que a outra, con 5 quilómetros, fará un percorrido polo Bosque de Galicia (Santiago).

“Esta carreira é só unha mostra máis das moitas colaboracións que levamos a cabo no marco das Letras Galegas para homenaxear ás cantareiras desde diferentes manifestacións”, apuntou López Campos, explicando que esta actividade forma parte da programación impulsada desde o Goberno galego en colaboración coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a CRTVG e outras entidades públicas e privadas e que inclúe máis de 100 propostas en museos, bibliotecas, arquivos e espazos privados que abranguen desde exposicións, obradoiros ou concertos ata relatorios ou actividades infantís. 

Desta volta a colaboración faise coa empresa Xurdir e a Federación Galega de Atletismo para ofrecer unha alternativa que é xa un referente, tanto polo seu valor deportivo como pola súa capacidade para asociar o espírito das Letras Galegas aos valores de superación e participación comunitaria.

Tanto a proba principal como a segunda farán saída ás 10,00 horas, mentres que a partir das 12,00 horas será a quenda da rapazada, que poderá competir en diferentes distancias segundo a súa idade (categorías de sub 6 a sub 16) nun circuíto habilitado na Cidade da Cultura. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo consistente nun libro e o diploma Camiño das Letras, como símbolo da unión entre deporte, lectura e tradición.

As inscricións están abertas ata o mércores 14 de maio ás 23:59 horas na páxina web da Federación Galega de Atletismo, cun custo de entre 2 e 13 euros segundo a modalidade. Os dorsais poderán recollerse o día anterior na sede de Xurdir ou o propio día da proba no Gaiás. Ademais, contarase con servizo de autobuses entre a Cidade da Cultura e o Pico Sacro, gardarroupa, avituallamento, masaxistas e duchas.

A organización repartirá trofeos e lotes de libros ás persoas gañadoras e aos clubs e centros educativos con maior participación, consolidando así o carácter participativo, educativo e simbólico desta carreira única no calendario galego.

Outros artigos

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión

“Dor e sufrimento” – José Manuel Pena

“Dor e sufrimento” – José Manuel Pena

No colexio, na piscina, no ximnasio, nunha excursión polo campo ou dentro do propio núcleo familiar, que muller non sufriu algún acoso ou agresión de tipo sexual? Eran outros tempos, din algúns. A pesar de todo, actualmente, unha gran parte da sociedade segue mirando...

“Ratos, ratiños e tornarratos” – Antón Luaces

“Ratos, ratiños e tornarratos” – Antón Luaces

O que foi e o que non é;  o que puido ser e a realidade converteu nunha experiencia máis para todos; o que o presidente autonómico canario quixo transmitir coma un relato propio daquel personaxe que foi "Cantinflas", quedará gravado para sempre na memoria de cantos, a...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.