
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta tarde os apartamentos Ancoradoiro, que recibiron unha achega autonómica dentro da liña de subvencións para a mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas de Turismo de Galicia.
Este establecemento é unha das cinco empresas turísticas da comarca do Barbanza beneficiarias da convocatoria de 2024, que destinou preto de 475.000 euros en axudas á zona. En toda a provincia, 45 establecementos recibiron subvencións por un importe superior a 3,2 millóns de euros.
No caso dos apartamentos de Muros, a subvención permitiu realizar obras de impermeabilización e illamento térmico na fachada sur e oeste, así como na terraza superior. Tamén se procedeu á substitución das ventás por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica, reducindo a perda de calor e mellorando o confort interior.
Belén do Campo destacou a relevancia destas axudas para o sector turístico, afirmando que “ademais de permitir aforros na factura da luz, contribúen a mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos en Galicia”.
A convocatoria de 2024 introduciu novidades como a inclusión de empresas de restauración entre as beneficiarias, a posibilidade de rehabilitar partes do edificio en lugar do conxunto e a eliminación de requisitos de antigüidade mínima. A intensidade da axuda pode chegar ata o 90% do custo total do proxecto no caso de acreditarse aforros enerxéticos significativos.
Entre as actuacións subvencionables inclúese a mellora da envolvente térmica, instalacións térmicas, paneis fotovoltaicos, renovación da iluminación e electrodomésticos, e sistemas de automatización e control enerxético. Os investimentos deberán completarse antes do 31 de decembro de 2025.
