O arcebispo compostelán expresa a súa alegría e oracións polo novo Pontífice, o cardeal Robert Francis Prevost
A Igrexa católica celebra hoxe un momento histórico coa elección do cardeal Robert Francis Prevost como o novo Papa, quen tomou o nome de León XIV. Ás 18:07 horas, a esperada fumata branca na Praza de San Pedro e o repenicar das campás anunciaron a elección do novo Pontífice, culminando o conclave que reuniu a 133 cardeais electores desde o mércores 7 de maio.

Ás 19:14 horas, a loxia central da aula das Bendicións abriuse para que o cardeal Protodiácono, Dominique Mamberti, fixese o solemne anuncio #ante o pobo romano e o mundo enteiro. Seguindo o ritual do conclave, proclamou en latín a tradicional fórmula: «Habemus Papam! O Eminentísimo e Reverendísimo Señor Robert Francis, Cardeal da Santa Igrexa Romana Prevost, quen se deu o nome de León XIV.»
Momentos despois, o Santo Padre, precedido pola cruz, saíu ao balcón da Basílica de San Pedro para saudar aos fieis e ofrecer a súa primeira Bendición Apostólica Urbi et orbi, nun xesto de proximidade e comuñón coa Igrexa universal.
O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, en nome da Arquidiocese, expresou a súa alegría e oracións polo inicio do seu ministerio. Compartiu nas súas redes sociais unha mensaxe de felicitación: «O Espírito Santo sopra sobre a barca de Pedro, impulsando a súa travesía co novo Papa, León XIV. Que o seu ministerio sexa luz, esperanza para os fieis e testemuño do Evanxeo no corazón da humanidade. Oramos por el e a súa misión.»
«A Paz estea convosco»
O Santo Padre, precedido pola cruz, sae entón ao balcón da logia das bendicións da Basílica de San Pedro para saudar e impartir a súa primeira Bendición Apostólica Urbi et orbi. Antes de dar a bendición, dirixiuse á multitude coas palabras: «A Paz estea con todos vós. Quixese que este saúdo de paz chegase a todos vós, a todas as persoas, a toda a terra».
O papa León XIV convidounos a que «vaiamos adiante, Cristo precédenos. A humanidade ten necesidade del como a ponte que necesita alcanzar». Tamén tivo palabras de agradecemento para o papa Francisco. Lembrou a súa condición de agostiño citando a S. Agustín quen dixo: «Convosco sodes cristián, para vós son bispo».
O novo Papa, tamén falou en español para saudar á súa «querida diocese de Chiclayo». E terminou rezando o Ave María.




