
A Deputación da Coruña, ao abeiro do súa estratexia para mellorar as infraestruturas viarias nos concellos da provincia, impulsou un proxecto estratéxico no municipio de Boiro: a construción, en alianza co Concello, dunha nova vía entre Saltiño e Berres que permitirá desconxestionar o tráfico no núcleo urbano e mellorar a conexión entre as parroquias de Cabo de Cruz e Abanqueiro.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, mantivo unha xuntanza co alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luis Ruiz, para avanzar na planificación desta infraestrutura, que contará co apoio técnico e financeiro do ente provincial.
Durante o encontro avaliáronse as distintas propostas para o trazado desta nova estrada de 950 metros, que conectará as estradas provinciais DP-1106 e DP-1107. O alcalde de Boiro agradeceu o compromiso da Deputación coa mobilidade do municipio e salientou que esta nova vía “será fundamental para aliviar a carga de tráfico no centro urbano, especialmente durante a tempada estival, e para dar servizo ás empresas de Cabo de Cruz e aos vehículos lixeiros que se desprazan a diario”.
Segundo destacou o presidente provincial, “trátase dunha infraestrutura estratéxica para o municipio, que mellora a mobilidade en dúas das súas zonas máis poboadas e que será clave para o desenvolvemento das novas bolsas de solo industrial previstas polo Concello”.
O proxecto contempla unha plataforma de 14 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros, beiravías laterais dun metro a cada lado, un carril bici de 2,5 metros e unha mediana central con alumeado público. “A actuación permitirá desviar o tráfico pesado e mellorar a seguridade viaria nunha zona moi transitada pola veciñanza”, lembraron.



