As Letras Galegas vanse estender no Barbanza durante todo o mes de maio, aínda que é certo que boa parte das actividades principais concentraranse esta fin de semana, principalmente este sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, adicado ás cantareiras e ao cancioneiro popular galego. Imos concello por concello.
En Ribeira
O Concello de Ribeira presentou o programa do Maio Cultural 2025, que organiza a Concellería de Cultura en colaboración coas áreas de Educación e Normalización Lingüística. Inclúe contacontos, concertos, conferencias, roteiros musicais, exposicións e tamén actividades do tecido asociativo.
A xeito de arrinque, xa está en marcha e convocada a 33 edición do Concurso Escolar das Letras Galegas no que poden participar todas as rapazas e rapaces de primaria dos centros educativos do municipio nas categorías de poesía, prosa e banda deseñada e que ten o prazo aberto para a presentación de obras ata o 19 de maio.
Ademais, o 30 de abril inaugurouse no CC Lustres Rivas a nova exposición que estará no centro cultural durante todo o mes de maio. É unha mostra colectiva dos artistas Xesús Vázquez e Carmen Prado que contará cunha trintena de lenzos.

A programación do Maio Cultural colleu impulso o día 2, coa presentación literaria de Liberdade para o galego de Marcos Maceira e Elsa Quintas, organizada por Altofalante. O venres 9 e sábado 10 celebrouse en Artes o Bruón Folk Fest e o domingo 11 de maio o novo Auditorio Municipal acolleu o monólogo titulado Chungo de Luis Zahera.
O día 15, xoves, organizarase un acto solemne en lembranza do fillo predilecto de Ribeira o artista Manuel Ayaso, ás 19h na praza do Concello. E esa mesma xornada tamén contarase co Concerto das Letras Galegas que protagoniza a Coral Municipal e a Coral do Mercantil, que será ás 20.30 no Auditorio.
Ao día seguinte, venres 16 de maio, celebrarase un gran concerto no Auditorio. Contarase coa presenza de Mercedes Peón, que a partir das nove e cuarto ofrecerá o seu concerto Ingrávida, no que haberá unhas vinte persoas no escenario. As entradas venderanse a través de Ataquilla.com e de forma presencial na OAC da Casa do Concello nas próximas datas e a un prezo de 2,50 € (máis gastos de xestión) cun máximo de 4 entradas por persoa.
Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, contarase coa actuación de Bailadela e das Sete Linguas da Asoc. Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño a partir do mediodía na praza de Porta do Sol, e tamén unha ruada de música tradicional a cargo da agrupación Tahume de Olveira dende o parque García Bayón ata a praza de Teruel. E xa pola tarde, a partir das catro e media, a Asoc. Francisco Lorenzo Mariño organiza en Aguiño a súa habitual Xornada das Letras con inchábeis, música, xornada de debuxo infantil con agasallos e a actuación de circo de rúa e malabares de Kote Malabar.
O domingo 18, tamén en Aguiño, a Rondalla local organizará na Aula de Música un Concerto das Letras Galegas.
O venres 23 de maio, no Auditorio, procederase á entrega dos premios do Concurso Escolar das Letras Galegas no que ademais de agasallar lotes de libros aos premiados e premiadas os convidaráselles, coas súas aulas, a ver o espectáculo teatral sobre Castelao de Culturactiva.
O sábado 24 a música volverá a ser a protagonista coas Roteiras Cantareiras, programa no que actuarán as Garridiñas de Castiñeiras e as Sivalveiras de Corrubedo da Asoc. Amas de Casa que estarán en Artes e Oleiros pola tarde a partir das sete. E por outra banda en Carreira, no novo Centro Social, haberá un concerto de Lau Panicanela ás nove.
Xa na última semana do mes, serán as pandeireteiras de Tahume as que visiten a parroquia de Castiñeiras e Carreira a partir das sete. Esa semana tamén está programado que se celebre a 25 edición da Mostra de Teatro Infantil “Daniel Gómez Ramil” da que o Concello fará unha presentación específica.
Respecto das actividades da área de Educación e Normalización Lingüística, os días 5 e a 6 de maio celebrouse un intercambio educativo ao abeiro do Eixo Atlántico, do CEIP Heroínas de Sálvora co Agrupamento D. Manuel Faria e Sousa de Felgueiras, Portugal. O 3 de maio a contadora Cris de Caldas achegou á rapazada o espectáculo A conto delas, e o día 8 o Museo do Gravado acolleu a conferencia Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso.
Respecto ás actividades que aínda están por vir, o CC Lustres Rivas acollerá o día 24 o espectáculo familiar A biblioteca ideal, de Náufragos Teatro (a partir das 12h), abeirado a Ler Conta Moito.
O 31 de maio o músico Xoán Curiel visitará o Lustres Rivas para ofrecer á rapazada o obradoiro infantil Como montar a túa banda de verán. Enmarcado no Ler Conta Moito 2025 celebrarase a partir das 12.00 h, en formato participativo e creativo.
En materia formativa, o IV Ciclo da USC brindará á cidadanía a xornada Introdución teolóxica ao tema relixioso, co teólogo, investigador e escritor de Aguiño, Andrés Torres Queiruga. Celebrarase os días 5, 12 e 19 de maio no Lustres Rivas. O IV Ciclo da USC tamén achegará (os días 8 e 15) unha xornada sobre a historia da música galega e os instrumentos de percusión. Imparte María González Blanco e Lusine Grigoryan Zohrabyan (USC).
En Noia
Noia vai celebrar o Día das Letras Galegas con dous ingredientes principais: música e libros. Os encargados de aportar o primeiro ingrediente serán Os Heredeiros da Crus (icónica banda de rock do Barbanza que está de volta nos escenarios cun máis que destacado traballo discográfico, Trankimasin) e máis os locais Monoulious Dop, dúas bandas que levan a lingua galega por bandeira. Farano no marco da nova edición do Estival Fest, que este ano coincide (significativamente) coa gran festividade da cultura galega.
O festival comezará ás 21.00 horas e desenvolverase nas instalacións do IES Campo de San Alberto. Ademais, a Concellería de Cultura organiza o certame Cine na Vila, un ciclo de 5 películas que se proxectarán durante este mes de maio e que comezou con El 47. Prosegue o 18 de maio con Flow, un mundo que salvar.

En Boiro
O Pazo de Goiáns acolle o vindeiro 17 de maio a XIV edición da Romaría das Letras do Barbanza da man do Concello de Boiro e a Asociación Cultural Barbantia. A concelleira de Cultura, María Outeiral, e a presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco, presentaron o programa de actividades.
Despois das 17 bombas de palenque, ás 11.30 horas abrirá a feira artesá e literaria cosstands dos colectivos colaboradores como Sancosmeiros, Artesanías Amorote, Sin Norte Creativas, Palilleiras Revolteir@s e Ganchilleiras de Bealo, librarías Espazo Nobel de Boiro e LER da Pobras, Che Tembra, Rositas Artesanía, Adanegra… durante o día haberá tamén un obradoiro de instrumentos tradicionais con Os Menestreis a cargo de Xulio Gutiérrez e un photocall de traxe tradicional galego.
Ás 12.00 horas actuarán no escenario grande AC Pedra da Aroña e Grupo Abeloura e ás 13.30 horas As mulleres que cantan, foliada homenaxe coas cantareiras Mar de Cabo, Lumieira, Xoaniñas, Aroña e Abanqueiro.
Logo do xantar popular, o programa de actividades reiníciase ás 16.00 horas co acto institucional e presentacións literarias no interior do Pazo. Celia Díaz presentará o seu libro A avoa canta como a catovía e Carlos Callón Maxicamente vella, eternamente nova. Ademais celebrarase a entrega institucional da peza da Serea de Susi Gesto e un espectáculo teatralizado do grupo Airiños de Rianxo.
Ás 17.00 horas Marta Ríos fará unha visita teatralizada para familias; ás 18.30 horas baile galego con Xilbarbeira e grupo de Baile de Abanqueiro e para rematar a xornada concerto con Carmela e Nunca é Tarde.
A concelleira de cultura, María Outeiral, animou a toda a veciñanza de Boiro e a contorna a que asista a Goiáns para desfrutar desta Romaría das Letras: “É un dia para desfrutar en familia de todas as actividades culturais e da nosa tradición, polo que animamos á xente a que se caracterizarse con algún elemento da roupa tradicional galega”.

En Outes
O Día das Letras Galegas o auditorio da Casa da Cultura de Outes acollerá ás 17.00 horas o fallo do XXIX Certame Francisco Añón de poesía, este ano adicado á cultura popular das cantareiras e á lírica popular. Amenizarán o acto as cantareiras do grupo de pandeireteiras da Escola Tradicional de Outes e tamén un quinteto de gaiteiros/as da mesma escola. Logo presentarase o libro co poemario galardoado na edición do 2024 titulado O conto da leiteira de Vicente Vázquez Vidal e publicado a través do selo Caldeirón. Esta presentación correrá a cargo do escritor Carlos Lixó, membro do xurado da edición 2024 e quen prologou o libro. Amais, farase a presentación da escolma que recolle os traballos premiados nas seis categorías de que consta o premio e que abrangue a idades entre os 6 anos e maiores de 18.
Despois desta parte entréganse os lotes de libros a cada unha das persoas que foron galardoadas neste certame e a continuación farase a lectura da acta na que se recolle o fallo do xurado coas persoas que resultaron gañadoras desta edición do 2025, e convidarase a que suban ao escenario a facer un pequeno recitado poético dalgunha das poesías premiadas.
Ao remate do acto convídase ao público asistente a uns petiscos.
O autor deste ano Vicente Vázquez estará asinando exemplares a aquelas persoas que así o desexen.
A cita cultural complementarase na xornada do 17 coa vertente deportiva da XVI Carreira Pedestre de Outes, prevista para o sábado 17 de maio de 2025 a partir das 10.00 horas, con saída e chegada na praza de Galicia. Organiza a Concellería de Deportes de Outes.

En Porto do Son
O Concello do Son celebrará e homenaxea o Día das Letras Galegas cun certame de música tradicional e de folclore galego. A Casa da Cultura sonense acollerá o vindeiro venres, 16 de maio, a partir das 20:00 h, este concerto de pandeireteiras.
Así, Chorimas de Queiruga, Sonelas de Porto do Son, Alixeiras de Baroña conforman o cartel deste certame musical, onde a guinda do pastel será o espectáculo musical Vinde todas, de Carmela, a través da Rede de Dinamización Lingüística e o seu programa FalaRedes da Xunta de Galicia.
Carmela é un proxecto musical que parte da tradición, das informantes e dos arquivos musicais, pero que a entende como un ente flexíbel que se adapta ao contexto actual a través de sons que viaxan desde as percusións ata referencias electrónicas. Trátase, segundo informou o Concello, “dunha proposta diferente no seu discurso tanto musical coma extra musical que sitúa a tradición oral e a perspectiva de xénero no centro”.
Desde o Concello de Porto do Son animan “a toda a veciñanza a que se achegue a gozar deste certame de música tradicional galega en directo para conmemorar e celebrar o día das nosas Letras”.
En Lousame
O Concello de Lousame e a Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme (en colaboración coa Consellería de Cultura e a Deputación) organizan a axenda local do Día das Letras Galegas, que arrincou o 11 de maio coa 1ª Andaina das Letras (un itinerario expositivo destinado a reivindicar a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro) e culminará o sábado 17 de maio coa primeira Romaría das Letras, que incluirá música, contacontos, obradoiros e ofrenda floral ao Cura de Fruíme.
A programación de actividades arrincará o sábado 17 ás 11:00 horas cunha exposición sobre a vida e obra de Zernadas de Castro. Ás 12:30 horas celebrarase a tradicional ofrenda floral diante do busto do cura de Fruíme, seguido dun concerto da Banda de Música de Lousame. Ás 13:30 horas, homenaxe ás cantareiras locais cunha actuación especial das Pandereteiras da UNED Sénior e da Asociación Cultural O Son do Pote.
Pola tarde, a partir das 16:00 horas, o adro da igrexa de Fruíme acollerá unha serie de obradoiros culturais, que ás 18:00 horas darán paso a un contacontos da man de Raquel Queizás. O programa rematará con música, coa actuación de Xoán Curiel e o seu espectáculo Treides Comigo – Alén, a partir das 19:00 horas.
Na Pobra
O calendario das Letras do Concello da Pobra arrincou o 9 de maio e prolongarase ata o día 30.
A primeira acción correu a cargo do alumnado da Escola Fernández Varela coa súa exposición Da Pobra para o mundo. Foi inaugurada o 9 de maio na Casa da Cultura.

O xoves 15 a oferta cultural continuará co Xogo das Letras Galegas Coa voz en festa, de Barafunda Animación. A iniciativa, para o alumnado de primaria, celebrarase de 10.00 a 13.00 horas polas prazas e rúas da vila. Ao día seguinte, o venres 16 de maio (ás 20.00 horas), o Teatro Elma acollerá a presentación do libro-disco Fremosas. Cantigas de amigo e de amor, do grupo Barahunda.
No propio Día das Letras Galegas (sábado, 17 de maio), o Concello daralle todo o protagonismo ás agrupacións culturais da Pobra. A través da actividade Pola vila, de remudas, a Asociación Arrancadeira, a Asociación Cultural e Deportiva Xiada e a Asociación Cultural Eiradela encherán as rúas do municipio de música e baile tradicional. A actividade celebrarase de 12.30 a 14.30 horas.
O Maio das Letras Galegas continuará o venres, 23 de maio, ás 19.30 horas coa proxección da curtametraxe Adeus, Berta, de Fernando Tato, no Cine Elma. A obra conta a historia de Alicia, unha rapaza chega á casa dos seus pais na Pobra, lugar onde se volve atopar coa súa irmá, que acaba de saír dun centro de rehabilitación. Ademais da proxección, haberá unha charla-faladoiro co director e con membros do equipo de produción, cóctel, DJ e photocall.
O programa municipal pechará o venres, 30 de maio, coa presentación do libro gañador do VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro da Pobra: Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras. Será ás 12.00 horas no auditorio da Biblioteca Victoriano García Martí. Os alumnos e alumnas de primaria recibirán exemplares da obra de agasallo.
En Aguiño
A axenda das Letras Galegas en Aguiño, organizada pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño, terá lugar no Conservatorio de Aguiño. Para organizar os actos, a asociación contou coa colaboración das áreas de Cultura do Concello de Ribeira e da Deputación da Coruña, así como de varias empresas como CONRESA, Farmacia Aguiño, Digar de Artes, Fabri Barbanza, Combustibles Puebla ou Fripusa.
Haberá inchábeis e xogos para a rapazada (ás 16.30), unha homenaxe ás cantareiras e ás Letras Galegas (con sorteo de lotes de libros para os presentes), unha actuación (ás 19h) das cantareiras e pandeireteiras de Bailadela e un espectáculo de circo con Kote Malabar.
En Rianxo
A axenda das Letras do Concello e as asociacións culturais de Rianxo comezou o sábado 3 de maio no Auditorio cun festival infantil de música e baile tradicional (TR3S PRA’ 3) e proseguiu o luns 5 con teatro para escolares a cargo de Migallas e seguindo as pegadas dun ilustro veciño rianxeiro: Castelao.
A festa proseguiu o sábado 10 na Carballeira do Cura de Asados coa Festa das Letras Vivas que organizou o grupo Airiños en colaboración co Concello e a Deputación.

O venres 16 continúan as celebracións da cultura galega no Auditorio de Rianxo, a partir das 20.30 horas, coa presentación do poemario Remar, obra colectiva do alumnado da Aula Sociocultural de Poesía 2023. Organiza o Concello de Rianxo.
O sábado 17, Día das Letras Galegas, a festa focalízase en boa medida no Campo de Pazos, en Taragoña, onde se celebrará a Feira do 1906 (con sesión vermú a cargo de Boroa e serán con Bailai Malditos, DJ Maruxa e Coralia e DJ Belish, entre outras/os). Organiza a AC Festival Antrospinos, coa colaboración do Concello de Rianxo.
Sen saírnos do 17, sinalar que o Campo de Arriba de Rianxo será o outro epicentro das celebracións, co Concerto polo XXII Aniversario das Letras Galegas 2025 da Banda de Música de Rianxo. Participarán, a partir das 12.00 horas, o Coro do CEIP Ana María Diéguez, as Pandeireteiras da Asociación Vai de Roda e o Grupo de Baile da Asociación Cultural Fogo Fatuo. Organizan a Escola de Música de Rianxo, o Concello, o CEIP Ana María Diéguez, a AMBT Vai de Roda e a AC Fogo Fatuo.
O mércores 21 de maio Talía Teatro representará a obra DeseXo no Auditorio, a partir das 12.00 horas (teatro para escolares), organizado polo Concello.
Ademais, o venres 23 e o sábado 24 o Campo da Carballeira (Araño) acollerá a celebración do Hórreo Vivo. Haberá, durante todo o día, roteiros, monólogos, concertos e citas infantís. Actuarán De Ninghures, Federico Pérez, Pulpiño de Viascón, María Raxeta, Paula Carballeira, Quinquillada e Mondra, entre outras/os. Organizan a AC Carballeira de Baia coa colaboración de Concello e Deputación.
O sábado 31 celebrarase a IV Romaría Fousas ao Monte, en Filgueiras (Taragoña).
Ademais, até o 24 podemos ver no Auditorio a exposición do XVIII Certame Díaz Pardo das Artes.
En Rois
En Rois, o 15 de maio Ramón e Clara Abalo, referentes locais e galegos no cultivo de camelias, recibirán a homenaxe Santo Isidro Labrador polo seu traballo no mundo da camelia durante unha festa da que será pregoeira a moza María Losada Vázquez. A distinción formalizarase no xantar popular do Santo Isidro, que xuntará a centos de persoas no Polideportivo dos Dices, cuxa sobremesa estará amenizada polo Dúo Marema e con inchábeis e xogos.
O día seguinte, 16 de maio, celebrarase no campo da festa de Rois a gran verbena do Santo Isidro, que estará amenizada pola orquestra Charleston Big Band e La Mega CDC.
Ademais, poderase contemplar a exposición As cantareiras e a poesía popular oral, encadrada na axenda das Letras Galegas 2025 da Secretaría Xeral de Lingua, no multiusos a partir do día 5.
O 20, Tanxarina representará A biblioteca galáctica contra a IA fantástica para nenos e nenas de 4º a 6º de educación primaria, no Auditorio. O día 20 Pakolas porá en escena Ecoralia canta, canta, xoga e debuxa, pensada para nenos e nenas de educación infantil. O día 22, Alexandre Bóveda Teatro representa A fraga en perigo para alumnado de 1º a 3º de educación primaria. Xoán Curiel e Charo Pita levarán o seu espectáculo de teatro, música e narración oral ata Rois o día 23 para entreter a toda a familia, e o 26 de maio o alumnado da ESO poderá escoitar a Avelino González co seu Monólogo GPA galego para adolescentes.
A axenda cultural rematará o 30 de maio cunha nova celebración do Naturfest As voces de Rois, que este ano celébrase en Buxán, para poñer en valor a tradición oral.
Ademais, o Concello de Rois recorda que ata o 30 de setembro pódense presentar os traballos para participar no Certame Literario Lois Aldegunde de Relato Breve e Poesía.
Lembrar tamén que o domingo 18 de maio celébrase a VI Andaina do Santo Isidro. Letras Galegas, con saída (10.00 horas) e chegada no polideportivo de Rois e un percorrido de 14 quilómetros con coplas da tradición oral de Rois. As inscricións poden facerse ata o 14 de maio na web www.emesports.es.

En Muros
O Concello de Muros presentou o programa do Mes das Letras Galegas e a XVII Mostra de Teatro Xosé Agrelo, con numerosas actividades para todas as idades. Logo de varias citas culturais moi relevantes nos primeiros días de maio, incluída unha conferencia do muradán Henrique Monteagudo, presidente da RAG, celébranse as seguintes representacións teatrais no Centro Cultural e Xuvenil: O doente imaxinario do Grupo Terra de Outes (o 9 de maio ás 20.30h), O mestre de O Xeito Teatro (o 10 de maio ás 20.30h) e O espantallo da ANPA Ricardo Tobío (o luns 12 ás 11h). O martes 13 haberá un concerto de Brais das Hortas ás 11 (tamén no Centro Cultural e Xuvenil) e o mércores 14 representaranse as funcións teatrais Os viaxeiros do tempo e En efectivo ou con tarxeta, da asociación inclusiva local ADISBISMUR (ás 11.30 horas no Centro Cultural e Xuvenil).
O xoves 15 Talía Teatro representará Bicos con lingua no Centro Cultural ás 11.00 e ás 12.30 horas, e o venres 16 será a quenda de Aquelando Teatro, que achegará ao público muradán As piratas de Monte Louro (ás 11.00 horas). Na mesma xornada do venres, a Biblioteca Municipal acollerá o contacontos O corpo contado de Charo Pita, ás 18.00 horas. Polo serán, na antiga Fábrica de Sel presentarase o libro Sentinelas no limiar das tebras, de Alexandre Senande, ás 20h. Un pouco máis tarde, o Centro Cultural e Xuvenil servirá de escenario para a peza teatral Segredos de familia e licor café, da Asociación Teenses pola Igualdade.
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello participará no acto da ofrenda a Xosé Agrelo ás 13:30 horas na Alameda de Esteiro, organizado pola AC O Xeito. Actuará Mamá Cabra, co espectáculo Ondamini. Esa xornada rematará cunha foliada na Praza do Mercado, organizada pola ACRD Praia do Castelo.
O domingo 18 haberá un contacontos en San Francisco de Louro (Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025, ás 17.30 horas) e unha peza teatral no Local Social da SCRD Esteirana: Castelao, un corazón á intemperie Fantoches Baj, ás 18h.