
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou este sábado 19 de abril, na Casa de Galicia de Nova York, a programación do Ano Castelao a nivel internacional, destinado a honrar, reivindicar e divulgar a figura do ilustre escritor, debuxante e político rianxeiro. Trátase dunha proposta que abrangue actividades nos Centros de Estudos Galegos e nas Casas de Galicia de distintos puntos do mundo co obxectivo “de proxectar no exterior a figura dun dos persoeiros máis destacados da cultura galega e pensando en achegar o seu coñecemento ás novas xeracións”, segundo fixo saber García, quen salientou que o propósito do Goberno galego coa declaración deste ano dedicado a Castelao, con motivo do 75 aniversario do seu pasamento, “é poñer de relevo a súa contribución á cultura e identidade de Galicia tanto no noso territorio como fóra del”.
O secretario xeral puxo o foco “nas comunidades de galegos espalladas por todo o mundo e nos seus descendentes, para que sigan tendo presente o seu pasado”.
Segundo explicou, as accións estenderanse desde Estados Unidos a Brasil, Arxentina, Alemaña ou Hungría “abordando a vida e obra de Castelao desde moi diferentes perspectivas e propostas variadas”. Así, na Casa de Galicia de Nova York conmemoran esta efeméride lembrando a súa estadía durante dous anos na cidade e que “foi un tempo que deixou unha fonda pegada na biografía de Castelao”, xa que alí escribiu unha parte de Sempre en Galiza, completou a obra Os vellos non deben de namorarse e plasmou os Debuxos de negros. Ademais, foi o inspirador da propia Casa de Galicia, contribuíndo á unión dos galegos residentes nesta urbe.
Ademais, García recordou que o Centro de Estudos Galegos de Baía proxectará un audiovisual sobre a súa figura, mentres que en São Paulo daranse a coñecer a investigación da profesora Valeria Gil. Así mesmo, en Bos Aires “organizouse unha ruta polo centro da cidade que permitirá revisar os momentos relevantes da biografía de Castelao e o seu estreito vencello coa capital arxentina”, sinalou, engadindo que ao devandito sumaránselle outras actividades como clases presenciais sobre Castelao na Facultade de Filosofía e Letras.
Xa en Europa, o Centro de Estudos Galegos de Budapest ofrecerá varias conferencias sobre Castelao relacionadas coa identidade galega e a lingua. En Heildeberg programarán unha sesión especial con diversas actividades sobre a figura e obra do homenaxeado co fin de comprender mellor o seu contexto histórico. Mentres, en Kiel centrarán as súas propostas en repasar os capítulos que se refiren a Alemaña do Diario 1921 no que Castelao plasmou as súas impresións na viaxe que fixo a este país, xunto con Francia e Bélxica.
Esta programación no exterior súmase a actividade que se desenvolve en Galicia e noutros puntos de España. Así, destaca unha proposta inmersiva que acubillará a Cidade da Cultura e que recreará virtualmente a figura de Castelao de maneira que se poida interactuar con el e coñecer máis polo miúdo a súa vida e obra. Ademais, levarase a cabo un completo plan de accións de carácter educativo e de lecer nos centros escolares da Comunidade. Así mesmo, completarase este ano de homenaxe coa edición, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, das dúas versións que deixou publicadas Castelao da súa emblemática peza teatral Os vellos non deben de namorarse, sendo a primeira vez que se realice a publicación simultánea dunha das obras máis populares do teatro galego, estreada en Bos Aires en 1941.