A CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) compartiu a publicación dunha nova investigación científica sobre a dieta da balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata) nas costas atlánticas ibéricas, a partir do estudo de estómagos recollidos polas redes de encallamentos de Galicia e de Portugal, e que foi coordinado por Silvia Monteiro, investigadora da Universidade de Aveiro. A coordinadora sinala que se trata do primeiro estudo da dieta da balea alibranca no sur da súa área de distribución no Atlántico NE e nel participaron investigadores da Universidade de Aveiro, a Sociedade Portuguesa de Vida Selvagem, o Instituto de Conservación da Natureza de Portugal (ICNF), a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC) e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, CSIC).

Esta especie de balea está presente nestas augas todo o ano, cunha poboación estimada duns 1.400 individuos, e está catalogada pola lexislación española e pola portuguesa como vulnerábel. Por estudos previos realizados no Atlántico norte sábese que é “un depredador xeralista” con facilidade para adaptarse a cambios estacionais na distribución ou presenza de distintas presas.

Neste estudo das augas ibéricas observouse que os peixes foron a presa principal, sendo a xarda e a sardiña as especies atopadas con maior frecuencia en Galicia, mentres que a sardiña e o xurelo foron as máis frecuentes en Portugal. A inxesta de crustáceos -como o krill ou outros- foi moi reducida en número e practicamente irrelevante ao valoralo como peso inxerido, aparecendo só en 3 dos 26 estómagos estudados. En xeral observouse que os machos teñen unha dieta máis diversa que as femias.
Calculouse que cada balea come uns 67 kg de comida diaria de presas de elevada calidade nutricional para poder satisfacer as súas necesidades metabólicas. Calquera alteración na dispoñibilidade desas presas podería comprometer a súa condición física ao ter que consumir outras que aporten menos calidade nutricional.
Puido establecerse que” a porcentaxe de sardiña na inxesta incrementouse a partir de 2016 respecto á década anterior (2005-2015), coincidindo coa recuperación do stock de sardiña na área de estudo, estimándose que toda a poboación de balea alibranca na zona consume anualmente un total de 26.100 toneladas de sardiña”.
No estudo dise que o tamaño dos peixes inxeridos coincide co tamaño de explotación comercial destas especies, “así que podería establecerse unha competitividade polo recurso co sector pesqueiro, ao ter como obxectivo as mesmas especies e tamaños”, co que isto podería supoñer para a conservación desta poboación vulnerábel, sumándose á xa coñecida interacción que causa a mortaldade desta especie por captura accidental (causa de morte no 34% dos individuos en Galicia e 75% en Portugal).
Polo tanto, os investigadores resaltan que “o seguimento e control da poboación de sardiña na península ibérica será fundamental non só para trazar estratexias para a súa xestión, explotación e conservación, senón tamén para as especies que se alimentan dela, como a balea alibranca, procurando a coexistencia sustentable entre a pesca e os depredadores mariños”.
A rede de varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica, mediante o proxecto Revargal que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e tamén co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
Artigo orixinal: