
Foi na tarde do sábado 5 de abril cando o Colexio de Arquitectos de Galicia celebraba 21 edición da gala dos Premios COAG de Arquitectura, na que se deron a coñecer os galardóns ás mellores obras arquitectónicas e urbanísticas de Galicia. O COAG xa desvelara o premio a Alberto Noguerol, que se lle outorga a título póstumo, pola súa traxectoria profesional. Asemade, nesta convocatoria propoñíanse once categorías, e mesmo se concederon accésits. As intervencións distinguidas están localizadas en Carnota, Santiago, A Coruña, Gondomar, Porqueira, Porto do Son, Barro, A Pobra do Caramiñal, Xenebra (Suíza) e Ica (Perú).
Indo á gala, dicir que tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galician (Santiago de Compostela) e a ela acudiron arredor de 700 persoas convidadas. O evento estivo conducido pola xornalista Carmen Novás e contou coa actuación do actor Quico Cadaval, que fixo varios monólogos referidos ao colectivo profesional, como a función da arquitectura, o urbanismo, o territorio e a vivenda. Música de jazz en directo animou o relevante evento, certame colexial que se celebra cada dous anos.
O encontro foi inaugurado polo presidente da Delegación de Santiago do COAG, Ángel Cid que quixo salientar a calidade do xurado, composto por arquitectos, urbanistas e representantes do eido cultural, como son os arquitectos Carmen Pinós, Alfonso Penela e Filipa Guerreiro; o urbanista e presidente da Agrupación de Arquitectas e Arquitectos Urbanistas de Galicia, Alfonso Díaz; e a escritora Blanca Riestra.

Os Premios COAG son un recoñecemento ás mellores obras da arquitectura galega que se presentaron á convocatoria, executadas e finalizadas entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2024. O evento contou co patrocino de diversas empresas e entidades: FINSA, Cortizo, Bandalux e Aluman; e a colaboración de OTIS, Rodiñas, Clúster da Pizarra de Galicia, Tejas Verea, SETGA, Saint-Gobain, Clúster do Granito, TECSOLED e Cerámica Campo.
Indo aos premiados, no apartado de Vivenda Unifamiliar, Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela (Arrokabe) foron premiados pola súa intervención nunha vivenda de Carnota (Casa Panchés). No apartado Deseño de espazos urbanos, xardinería e paisaxismo, foron galardoados: Juan José Creus Andrade, Covadonga Carrasco López, Marcial Rodríguez Rodríguez e José Martín Valladares Durán e Alberto Redondo Porto pola mellora do bordo da praia de Porto do Son. No apartado Proxecto fin de carreira, foi premiada Laura Pena Cristóbal polos usos híbridos no polígono industrial- Fitodepuración no Polígono da Tomada (A Pobra do Caramiñal).


