A secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, subliñou este mércores en Vigo a necesidade de adatar a Política Pesqueira Común (PPC) á realidade e os retos actuais do sector, para o que resulta necesaria a aplicación dunha política que garanta a rendibilidade, a remuda xeracional e a modernización da frota.
Así o trasladou a secretaria xeral á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, con quen se reuniu onte en Vigo, un encontro no que tamén participou o sector pesqueiro galego.
Artime e Vitcheva reflexionaron conxuntamente sobre a aplicación do Regulamento dos Espazos Marítimos Vulnerábeis (EMV), un asunto de especial interese para o sector e no que Isabel Artime deixou nidiamente claro o escaso impacto da frota de palangre de fondo e o elevado custe socioeconómico que supón ter excluido a actividade deste segmento de frota.
A propia Artime trasladou tamén á Comisión Europea os importantes esforzos realizados por parte do sector pesqueiro español nos últimos anos para acadar a sostibilidade na tripla vertente medioambiental, económica e social porque todas elas, dixo, “son partes fundamentáis do presente e futuro do sector”.
Como Galicia concentra a frota máis numerosa que opera en augas exteriores, abordóuse tamén na xuntanza a necesidade de afortalar a dimensión exterior da Política Pesqueira Común (PPC) e traballar para garantir a igualdade de condicións entre países da Unión Europea.
As principais entidades asociativas representativas do sector pesqueiro espuxeron os principais logros acadados e as súas inqedanzas de futuro. Entre estas fjguran a pesca artesanal, a remuda xeracional, a economía azul e a aplicación do Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) coa participación de representantes da Xunta de Galicia.
Pola súa banda a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) presentou o seu proxecto HY2FISH que comezará a se desenvolver este mesmo ano. Trátase dun traballo pioneiro en tecnoloxías propulsoras para barcos de pesca, orientado a reducir as emisións e mellorar a sostibilidade da frota pesqueira europea.



