O pleno de Lousame aproba o primeiro inventario de vías e bens inmóbeis do concello

16 Abril 2025

O Concello de Lousame celebrou na noite deste martes 15 de abril unha sesión plenaria extraordinaria para aprobar inicialmente o primeiro Inventario de vías e bens inmóbeis do Concello de Lousame e o Plan Económico Financeiro para o período 2025-2026. A alcaldesa, Teresa Villaverde, xustificou a urxencia da convocatoria tanto “na necesidade de enviar o Plan Económico Financeiro ao Ministerio de Facenda, cuxo prazo remataba a finais deste mes de abril, como de axilizar a aprobación do inventario, toda vez que restan aínda dous meses de prazo para presentar alegacións”. Unha urxencia que foi aprobada por unanimidade.

Villaverde presentou o inventario como “un instrumento fundamental e agora toca aprobalo para despois abrir un período de dous meses para que os veciños e veciñas poidan presentar alegacións”. Así, lembrou que este inventario é un “mero rexistro administrativo que, por si so, nin crea, nin constitúe dereito algún en favor do Concello, sendo máis ben un documento que serve para coñecer en todo o momento o patrimonio municipal para a súa mellor conservación e protección”.

“O dramático é non ter un inventario porque se poden perder subvencións por non ser quen de xustificar en tempo a propiedade dos bens”, exemplificou a alcaldesa, para quen o inventario permitirá “unha xestión moito máis áxil e que permitirá tamén facer mellor as cousas”.

Con todo, insistiu en que “o Concello non ten ningún interese en facerse coa propiedade de ninguén. Se algo non é correcto, corrixirase e instamos aos veciños e veciñas de Lousame a que comproben os datos e fagan as alegacións que estimen oportunas”.

Debate

De feito, o voceiro do PSOE, Juan José Prego Ces, xustificou a abstención do seu grupo nese mesmo punto xa que “non poñemos en dúbida o inventario, pero hai cousas que se nos escapan e que pensamos que non están ben. Eu mesmo terei que facer unha alegación”. Esta mesma razón levou ao voceiro do BNG, Anxo Moledo, a votar en contra da aprobación inicial do inventario, ao entender que “as fichas do inventario parécenme bastante pobres, hai terreos mal postos, hai cousas das que o Concello ten o usufruto e non a propiedade…”.

Un punto no que Teresa Villaverde volveu insistir en que “por iso é importante que se fagan alegacións durante os dous próximos meses. O que estamos facendo agora é a aprobación inicial, un inventario de vías e edificios municipais que exporemos. Despois a veciñanza terá que facer as alegacións que estime oportunas e nós teremos que resolvelas”.

Neste sentido, Villaverde Pais remarcou en varias ocasións que “o Concello non ten interese ningún de apropiarse de ningún terreo ou propiedade. A nosa intención é boa e queremos que as cousas sexan o máis claras posíbel. Queda aínda moito traballo por facer pero este é un gran primeiro paso”. Así, puxo un exemplo: “se se pode facer unha actuación nun edificio de titularidade pública, primeiro temos que certificar que é propiedade do Concello porque hai moitas cesións feitas de hai moitos anos e que se fixeron de palabra, non están rexistradas en ningures. Agora é o momento de facer outra vez esa cesión ao Concello ou devolvela a esa asociación, comunidade de montes, etc”.

Plan Económico Financeiro

Finalmente, o pleno aprobou, cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do BNG, o Plan Económico Financeiro para o período 2025-2026, unha obriga que ten que cumprir o Concello de Lousame ao non cumprir coa regra de gasto no exercicio 2024. “Cumprimos con todos os parámetros menos coa regra de gasto, que é o máis absurdo que hai xa que é como se as corporacións locais foramos menores de idade, que temos un remanente pero non nos deixan gastalo”, explicou Villaverde Pais, quen engadiu: “espero que algún día dende Europa ou dende o Goberno central teñan a sensibilidade de cambialo”.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...