Coida no monte, no alto da serra, a un rabaño de ovellas de raza Ovella Galega, era da
asociación Asovega, que ten sede en Ourense e aglutina a criadores de ovino das catro
provincias galegas. Este home gandeiro, tamén coida das súas trece vacas de raza cachena.
Trece vacas e trece becerros ou como din noutros sitios, trece cuxos, cada ano, alimentados
con leite da nai, con pasto do prado e nada máis.
Alí, no alto da serra, cunha lixeira e sinxela placa solar carga o seu móbil de última xeración
e a través deste aparello contacta, por videochamada, coa súa clientela amiga e ofértalles o
año ou o xato que acaba de nacer. Ponlle o nome que quere o comprador e con ese nome
abre unha ficha que vai á base de datos, con tódolos detalles, coa foto da nai, do
recentemente nado animal vendido, co número da chapa de identificación e con outros
detalles importantes sobre a súa alimentación.
O pastor coida dos años e dos becerros e conversa a diario con aqueles que queren adquirir
boa carne de ovino ou bobino, da que alimenta e fortalece o corpo e o espírito, a ledicia, a
irmandade e a concordia.
O pastor colocaba un microchip nunha orella de cada animal e así, tanto el como os
compradores, podían seguir, paso a paso, os andares do seu año ou do seu becerro, coñecer
o seu estado de ánimo, velas súas correrías matinais e desfrutar delas. Velos cornos das
cachenas e fuxir correndo para lonxe da pantalla ou acariñarse coa la daquelas ovellas,
todas de raza galega.
A informática é alma da explotación. Cun solo clic, o pastor fai a feira, contrata o matadoiro,
o transporte dos animais e da carne, fai o seguimento dos tratamentos recomendados polo
veterinario e controla o tempo, sen necesidade de saír a ventá para saber de que lado corre
o aire. Agora vai matricularse nun curso universitario a distancia, para especializarse en
pastoreo dixital, para poder controlar o rabaño dende a sombra dun piorno, para vixiar e
escorrentar aos lobos e á outra bichería.
Un veciño do moderno pastor, daqueles que de mozos indicaban o remate da romaría con
aturuxos dende o outro lado do río, está desgustado con tanto avance e quere abandonar
“a ditadura da técnica e da telemática”, para vivir á marxe da presión e da represión dos que
queren facer da vida o seu negocio. A Tía Manuela, presenta dúbidas, “agora que todo vai a
golpe de clic, non sei a onde iremos parar. É unha mágoa, pero a xente non fala, non se
comunica nin se entende”. Será verdade?
“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz
“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...



