
O papa Francisco morreu aos 88 anos tras un pontificado marcado pola sinxeleza dun carácter amable e próximo que tentou orientar o rumbo da Igrexa cara ás periferias do mundo, os pobres.
Naceu en Bos Aires no seo dunha familia modesta de inmigrantes italianos. A súa nenez no Barrio de Flores e a súa experiencia durante a ditadura arxentina moldearon a súa visión sobre a xustiza social e a inclusión. Na súa mocidade graduouse como técnico químico, pero aos 21 anos decidiu converterse en sacerdote e ingresou nun seminario xesuíta da capital.
Proclamado aos 76 anos o Papa número 266º, a súa elección sorprendeu aos fieis, polos seus xestos de austeridade. Rexeitou o coche oficial e elixiu como o seu fogar a Residencia de Santa Marta e non o Palacio Apostólico no que residiron os seus predecesores. Mantivo os mesmos zapatos negros sinxelos que sempre utilizou e usaba reloxos de plástico de 20 dólares, regalando algúns para que fosen poxados para a caridade.
Na súa primeira aparición como vicario de Cristo, elixiu vestir sotana, esclavina branca e zapatos negros, no canto de muceta, roquete e zapatos vermellos. Nun italiano con forte acento porteño, presentou as súas credenciais a unha praza de San Pedro abarrotada. “Sabedes que o deber do conclave era dar un bispo a Roma. Parece que os meus irmáns cardeais foron a buscalo ao cabo do mundo. Pero aquí estamos”. O fin do mundo non era só un lugar remoto, tamén unha metáfora do afastada que podía atoparse a súa concepción da Igrexa universal, máis social, transparente e universal.
Unha vella broma romana parte da pregunta de cal é a diferenza entre franciscanos e xesuítas? Que uns son fillos dun poeta italiano, os outros dun militar español. Ocorre que, na mellor das interpretacións, o pontificado de Jorge Mario Bergoglio nutriuse de ambas. Da lírica de Asís tomo a súa aposta pola pobreza e a preocupación pola creación; e da disciplina de Loyola, santo fundador da Compañía de Xesús, o discernimento como camiño para buscar a vontade de Deus. O seu lema, Miserando atque eligendo (Mirouno con misericordia e elixiuno), quíxoo facer vida na súa forma de tocar aos intocables.
Desde a súa elección foi o Papa das primeiras veces: primeiro papa americano, primeiro papa non europeo en máis de mil anos, primeiro papa xesuíta, e o primeiro en chamarse Francisco. Elixiuno polo que lle dixo o cardeal brasileiro, Claudio Hummes, ao abrazalo trala súa elección como pontífice: “Non te esquezas dos pobres”. Francisco non o fixo, e tamén buscou sempre a sinxeleza e o trato directo con eles, afirmando que “Neste mundo globalizado caemos na globalización da indiferenza. Afixémonos ao sufrimento dos demais. Non nos afecta. Non nos interesa. Non é o noso problema”.
Deu innumerables entrevistas, respondendo a todo de forma moi coloquial e sen reviravoltas, e desde o inicio foi frecuente que chamase por teléfono a todo tipo de persoas, a calquera, para responder a unha carta ou unha solicitude de axuda. Este sinal persoal e humano, de ruptura do protocolo, foi totalmente nova.
Pilotou a entrada da Igrexa no século XXI, afrontando os dilemas actuais. Pero se unha palabra resume a prioridade do seu mandato esta é “periferia”, de quen está á marxe da sociedade, da cidade, das fronteiras, quen se acha lonxe do poder.
Ao longo do seu ministerio, reuniuse con líderes de diversas confesións e culturas, e sempre avogou por un diálogo construtivo, poñendo no centro da súa mensaxe o amor e a compaixón. A súa figura converteuse nun símbolo de esperanza para millóns de fieis en todo o mundo. Como a súa primeira viaxe a Lampedusa, a pequena illa siciliana, “porta de Europa” para miles de migrantes. Nas súas 47 visitas internacionais visitaría sempre países con pequenas minorías católicas, Iraq, Emiratos Árabes Unidos, Birmania, Macedonia do Norte, Barhein, Mongolia…
Durante o seu pontificado destacou polo seu enfoque pastoral e a súa chamada a unha “Igrexa pobre para os pobres”. Testemuña incansable da fe cristiá, foi sempre un firme defensor da dignidade humana, incitando ao compromiso cos máis pobres e marxinados. De aí, a súa dedicación á paz, a xustiza e a misericordia.
Testemuña crible da alegría e a sinxeleza do Evanxeo, avogou pola misericordia, o perdón e a inclusión. O seu encíclica Laudato si subliñou a urxencia de abordar o cambio climático e coidar a creación. Ademais, implementou reformas significativas na Curia Romana, buscando maior transparencia e eficiencia. En 2018, revisou o Catecismo para declarar a pena de morte como “inadmisible”.
O papa Francisco tamén enfrontou desafíos, incluíndo a crise de abusos sexuais dentro da Igrexa. Tomou medidas para abordar estes problemas, reuníndose con vítimas e establecendo protocolos máis estritos para previr futuros abusos.
Como Deus non teme aos cambios, os seus dez anos foron acelerados, transformadores e, ata certo punto, revolucionarios, e o racho da conxuntura internacional, en coincidencia coa súa agonía, non deixou de servir para agrandar a súa figura e realzar a súa autoridade e brillo ético.
O Santo Pai falece no medio dun Ano Xubilar, dedicado á esperanza como forza transformadora e profunda que se nutre da fe en Deus e sostennos nos momentos difíciles. Desta virtude dixo un admirable poeta católico, Charles Péguy, que era a máis difícil, e tamén a máis agradable a ollos da divindade.
A súa morte terrea marca o remate dun pontificado cheo de humildade, sabedoría, amor e servizo ao pobo de Deus e ao mundo enteiro. Que o seu exemplo nos inspire a cada un de nós a vivir a nosa fe con maior autenticidade e xenerosidade.



