O Concello de Muros, dende a concellería de Turismo, informou do peche temporal do Muíño de Mareas do Pazo Cachón. Esta decisión tomouse polo mal estado no que se atopa o edificio, polo que as visitas turísticas para coñecer o Muíño de Mareas muradán, unha das xoias arquitectónicas do concello, “quedan suspendidas ata novo aviso”. O Concello engade no comunicado que “a seguridade das persoas visitantes é a prioridade, polo que se adopta esta medida preventiva” e explica que “os continuos temporais deste inverno aceleraron o deterioro do inmóbel, que presenta ademais graves danos xa que a carpintería, a cuberta e os accesos superaron a súa vida útil”.
Entre os principais problemas detectados atópanse a falta de elementos nas carpinterías exteriores, a perda de contraventás e o fallo das fixacións pola erosión. Ademais, a cuberta presenta filtracións de auga importantes debido á ausencia de pezas e elementos, e os vidros das cristaleiras atópanse agretados, “comprometendo a estrutura do inmóbel”, sinala o Concello.
A concelleira de Cultura e Turismo, Caridad González, declara: “Estamos traballando para conseguir arranxar o actual estado do edificio. A nosa intención é recuperar este importante patrimonio para que poida volver estar dispoñíbel para a veciñanza e visitantes canto antes. Agradecemos a comprensión e manteremos informada á cidadanía sobre os avances da actuación”.





