O Bloque Nacionalista Galego compartiu un comunicado sobre a planta de tratamento de residuos e reciclaxe de refugallos de Servia (Lousame), cuxo futuro, sinala a agrupación, está comprometido por mor do Partido Popular, ao que o BNG acusa de “entrar na última fase dun plan orquestrado durante anos para facer caer a Mancomunidade Serra do Barbanza e, polo tanto, o seu modelo alternativo de xestión dos residuos e os postos de traballo que a planta de Servia, no municipio de Lousame, leva asociados”.

Desde a formación lembraron que “durante anos” advertiron da “inminente culminación do contrato coa concesionaria, que agora xa acumula máis dun ano e medio caducado”. Tamén sosteñen que “o Goberno galego nunca quixo apoiar en modo algún un modelo que funcionou durante moitos anos e que sempre representou unha forma alternativa a SOGAMA para a xestión de residuos”. En palabras de Ricardo Suárez, representante do BNG na Xunta Reitora da Mancomunidade, “somos conscientes de que a nova normativa para a xestión residuos implica a necesidade de renovación da planta e do seu modelo, mais isto está sendo aproveitado polo PP para acabar cunha forma de xestión que sempre lles foi incómoda”, acrecentou.
“Presentamos, ano tras ano, emendas aos orzamentos do Goberno galego para apoiar as necesidades da planta e asegurar o futuro de máis de 120 postos de traballo, mais o PP sempre dixo non”, sinalou Suárez, engadindo que estas reiteradas negativas formuláronse ante a necesidade de modernizar a maquinaria da planta, e tamén ante os cambios requiridos para a adaptación á nova normativa de residuos. “A Xunta non ve máis alá de SOGAMA, nin quere ver, e agora atopámonos ante a última fase dunha laminación do modelo que se leva anos desenvolvendo desde o Goberno galego co visto bo dos concellos do PP”, afirmou.
“É certo que a xestión por parte das presidencias da Mancomunidade nunca apostou de forma valente nin por uns novos pregos de contratación, nin por unha xerencia fixa, nin por un plan de renovación da planta ou unha remodelación das funcións da planta, mais tamén é certo que o apoio por parte do Executivo galego nestas necesidades nunca estivo aí”, proseguiu o representante do BNG na Xunta Reitora da Mancomunidade.
É necesario adaptar a planta”
“Estamos nun momento realmente complicado, no que a planta se xoga existir ou deixar de existir, mais isto supón comprometerse politicamente”, destacou o nacionalista, engadindo que “este é o momento de realizar dunha vez por todas, unha aposta de futuro seria, que explore as oportunidades da Mancomunidade dentro dun modelo descentralizado da xestión de residuos que incorpore novas funcións que xeren emprego e avancen nun modelo sostible”. Seguindo este fío, Suárez fai saber que para que o devandito sexa unha realidade “é precisa unha intervención valente por parte dos concellos e o apoio das administracións; é o momento de volver a converter a planta nunha infraestrutura punteira no tratamento dos residuos urbanos adaptándoa á nova normativa e aproveitando a experiencia do cadro de persoal”, concluíu o representante do BNG na Xunta Reitora da Mancomunidade Serra do Barbanza.