Esta mañá máis de 300 veciños e veciñas de Muros concentráronse na praza do Curro para reclamar a recuperación inmediata do servizo de pediatría no Centro de Saúde da localidade. A protesta foi convocada polas ANPA dos centros educativos do municipio, que denuncian a precariedade asistencial que sofren dende hai máis dun ano.
“O pediatra que traballaba exclusivamente en Muros leva máis dun ano de baixa, e a outra pediatra debe atender tamén ás familias de Carnota”, explican as organizacións convocantes. Actualmente, unha única profesional debe facerse cargo de máis de 900 nenos e nenas de ambos municipios. Ademais, cando esta profesional falta por vacacións ou outras causas, a substitución só se cobre entre as 08:00 e as 12:00 horas, e non todos os días.
Vanesa Oliveira, presidenta da ANPA do CEIP Ricardo Tobío de Esteiro, denunciou que “non temos acceso á APP do Sergas e, cando non está a pediatra, derivan os nenos e nenas a Outes, Noia ou ao médico de familia”.
O goberno local de Muros amosou o seu apoio á concentración. A alcaldesa, María Lago, afirmou que “o que pasa é un síntoma máis do abandono da sanidade pública por parte da Xunta, sobre todo nos concellos máis afastados dos hospitais”. Lago lembrou que os nenos e nenas de 0 a 3 anos son derivados a Outes ou Noia os días nos que non hai pediatra en Muros, mentres que os maiores de 3 anos son atendidos polos médicos de familia.
“Estas carencias no servizo levan tempo xerando malestar e preocupación entre a veciñanza de Muros, tanto pola saúde dos seus fillos como polo impacto que esta situación ten no seu día a día”, concluíu a rexedora.
