
Eu, ao igual que moitos dos lectores, coñecín unha Galicia de fragas, de toxeiras, de rozas cavadas e plantadas de trigo, de soutos e ríos e regatos que mantiñan permanentemente verde o territorio da actual comunidade autónoma na que un goberno electo (a Xunta) mantén sen emenda a súa decidida aposta pola instalación en Palas de Rei dunha macrocelulosa que, a determinado capital non totalmente galego, lle interesa situar no corazón da nosa terra coñecendo que a maior parte dese capital a investir non puido superar en Portugal os atrancos postos polas autoridades lusas ao proxecto da celulosa de Altri que aquí, en Galicia, se recibe coma unha bendición após aturar durante máis de 60 anos unha celulosa causante de menor dano na ría de Pontevedra. E o proxecto de Altri en Palas de Rei, amais afectar a un amplo territorio das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra bate de cheo na ría de Arousa.
Agora, un novo estudo sobre o impacto negativo dos eucaliptais na biodiversidade de Galicia centrado no mundo dos paxaros, evidencia que o eucalipto é negativo para as aves e as plantas desta comunidade autónoma: “é un alieníxena”, segundo a investigación realizada por Fernando González-Fernández, do departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela.
A conclusión é determinante: a presenza e variedade de aves redúcese á metade nos montes de eucaliptos en comparación coas masas de árbores autóctonas. Unha afirmación que, sen ser nova, identifica un dos porqués que se agochan detrás da desaparición de avifauna nos eucaliptais. E teñen que ver coas propias características da árbore, que non achega valores dos que poidan tirar os paxaros para a súa supervivencia.
O eucalipto introducido na comunidade galega e que prolifera nos nosos montes non serve de refuxio para os paxaros porque a forma dos seus troncos e pólas non ten os buratos que permitirían a introdución neles para aniñar. E tampouco teñen as materias que as aves precisan para se alimentar: son árbores que teñen as resinas e aceites esenciais moi protexidos dentro das súas cortizas. E os seus exemplares máis altos serven para que os paxaros aniñen neles. E as pólas tampouco son lugar para as aves e tardan unha media dun século en desenvolver os ocos no seu tronco para que poidan servir de niño. En definitiva, e segundo Fernando González-Fernández, os paxaros “non teñen onde aniñar nen onde comer” nos eucaliptais porque o nivel de biodiversidade que presentan os montes de eucaliptos é “baixísimo”.
“Eucaliptais e biodiversidade son incompatibles”, engade o profesor, que advirte dos alarmantes” datos que ofrece o estudo e que debería levar ás administracións a valorar a “eliminación total” desta especie invasora e aposta por “tomarnos en serio que esas plantacións non poden estar aí porque son incompatibles”.
O monocultivo que na práctica se leva a cabo en Galicia en montes de eucaliptos non favorece a heteroxeneidade que ofrecen as tradicionais fragas galegas. Pero a Xunta non pensa o mesmo.