Besteiro celebra a non cesión das axudas do PERTE de descarbonización ao proxecto de Altri

23 Abril 2025

“A non concesión de axudas do PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) de descarbonización ao proxecto de Altri é unha boa noticia para Galicia, aínda que non é unha noticia nova”. Así se manifestou este mércores 23 de abril o secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, sobre as informacións que avanzan a denegación dunha subvención de 30 millóns de euros solicitada pola empresa que promove a construción dunha macrocelulosa en Palas de Rei, a carón do río Ulla.

En declaracións aos medios momentos antes do inicio do Debate sobre o Estado da Autonomía, Besteiro lembrou que “dende hai varios meses” vén manifestando a súa “convicción” de que o proxecto “non é merecedor desas axudas”. “Entendía que non entraba dentro dos obxectivos rigorosos do PERTE e que non cumpría os requisitos porque non era un proxecto de descarbonización en si mesmo”, explicou.

O líder socialista recordou que hai comisións de valoración técnica, “e, por tanto, informes”, que dan soporte ás decisións sobre este tipo de iniciativas, “e que aclarará o Ministerio de Industria”. Nese senso, demandou tamén “o mesmo respecto para os técnicos que fan esas valoracións que o respecto que se pide para os técnicos da comunidade autónoma”.

O secretario xeral do PSdeG advertiu que a noticia “debe invitar ao Partido Popular e a Alfonso Rueda a reconsiderar a súa posición en relación cun proxecto que non é bo para Galicia, que non aporta nada novo e que, ademais, no tocante a futuras axudas extraordinarias, tampouco vai ser merecedor delas”. En relación con esta última afirmación, sinalou que “non é un proxecto extraordinario nin medioambientalmente nin respecto á innovación industrial”. Así, mostrouse seguro de que “vai ter o mesmo percorrido” respecto dese tipo de subvencións.

Na súa análise sobre a instalación da planta no concello lucense, asegurou que non se adapta “aos novos tempos que require a economía, non só galega, senón tamén española e europea”, polo que non se adecúa “aos parámetros de transición e desenvolvemento industrial aos que se acollen proxectos que si aportan valor”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...