A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polos alcaldes de Porto do Son, Luis Oujo e de Ribeira, Luis Pérez Barral, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou este martes 8 de abril ao alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume (edición número X), de Ribeira e Porto do Son, centrado en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en traballos de carpintaría e móbeis. A delegada destacou que na edición deste obradoiro en 24-25, xunta coa edición deste mesmo taller o ano pasado 23-24, a Xunta investiu case un millón de euros. Tamén salientou que este taller de emprego ten unha duración de 9 meses, “grazas a un investimento da Xunta de case 412.000 euros e no que os 20 alumnas e alumnos realizarán intervencións de interese público nestes dous concellos”.

Ademais, puxo en valor as actuacións que realizarán os alumnos na parte práctica destes cursos. Concretamente, no concello de Porto do Son levarán a cabo melloras das masas arbóreas en Miñortos, nos lugares de Trapa e Coira en Goiáns, nos lugares de Arnela e de Castro en Baroña, no lugar de Xan Pasal en Queiruga, no lugar da Madalena en Ribasieira e no lugar de Ponte Medieval en Xuño. Ademais realizarán o mantemento das pasarelas de madeira na praia de Coira en Portosín, a reparación do peche de madeira do parque infantil da Casa de Cultura de Caamaño e a instalación dun peche no parque infantil de Nebra.
As intervencións das alumnas e os alumnos do Obradoiro Forestal traballarán no Parque Periurbano de San Roque e o Obradoiro de Madeira o farán no paseo de Castro Catía.

Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo”, “é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, adaptando a oferta formativa ás demandas e necesidades de contratación da zona”. Seguindo este fío, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van a recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nuns sectores que precisan, nestes momentos, de profesionais cualificados”.
Belén do Campo tamén dixo que nos obradoiros de emprego a Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.
A representante do Goberno autonómico informou que a comarca do Barbanza conta, nesta convocatoria 24-25, con 3 obradoiros duais grazas a un apoio da Xunta de máis de 1,2 millóns de euros para formar a 60 alumnas e alumnos. O organizado por Ribeira con Porto do Son, o de Noia e Lousame e o de Boiro.




