Barbanza Arousa presentou os resultados do proxecto Traslatio Experiencial financiado con fondos Next Generation

01 Abril 2025

Na mañá deste 31 de marzo celebrouse no Pazo de Martelo de Rianxo o acto de presentación do proxecto Traslatio Experiencial, iniciativa financiada cunha orde de axudas destinada a Destinos Turísticos Intelixentes situados no Camiño de Santiago, no marco dos fondos Next Generation. No acto de presentación fíxose saber que “en todo o territorio nacional só foron concedidas 5 destas axudas”, sendo a Mancomunidade Barbanza Arousa unha das beneficiarias co seu proxecto destinado ao Camiño de Santiago Ruta Mar de Arousa Río Ulla.

Interviñeron nesta presentación o delegado de Goberno, Pedro Blanco; o director de Programas Turísticos da Secretaría de Estado de Turismo, José María Pérez; a directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita; o presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa e alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro.

Participaron tamén os alcaldes da Pobra do Caramiñal, Boiro e Ribeira (José Carlos Vidal, José Ramón Romero e Luís Pérez Barral), concelleiros e concelleiras, representantes de SEGITTUR e empresas e servizos distinguidos co distintivo SICTED.

“Este proxecto”, sinalou Bustelo, presidente da Mancomunidade, “suporá un revulsivo no destino Barbanza Arousa mellorando a experiencia dos peregrinos e visitantes no destino e tamén permitirá a recollida de datos do visitante e segmentar mellor os turistas potenciais”.

Pola súa banda, a xerente da entidade supramunicipal, Fátima Cachafeiro, lembrou que os obxectivos deste proxecto son a “mellora da experiencia do visitante, o impulso da competitividade, a desestacionalización, o apoio ás empresas turísticas e o incremento da calidade”.

Baixo a arela de potenciar a información turística púxose en marcha unha plataforma á que están conectados diferentes elementos coma unha aplicación móbil, tótems informativos e mapas SIX (Sistemas de Información Xeográfica) nas oficinas de turismo como ferramenta de apoio á información turística.

Ademais, co obxectivo de “incrementar a pegada económica do visitante no territorio”, realizáronse rutas dixitalizadas con Realidade Aumentada en recursos históricos e culturais de gran valor pero que “non se poden visitar libremente nun horario amplo, como son as igrexas”. Tamén inclúe a sinalización integral do destino con un cento de paneis informativos con códigos QR que dirixen á mesma plataforma na que os contidos estarán actualizados en tempo real.

A través desta plataforma tamén se recompilarán datos para lograr segmentar os visitantes “dunha maneira máis exacta e poder establecer estratexias dirixidas aos mesmos cunha alta precisión”. Os datos extraeranse de enquisas aos visitantes que fagan uso dos tótems, paneis e outros sistemas informativos e tamén de cámaras con lectores de matrículas instaladas nos 4 concellos, o que “permitirá coñecer a procedencia, a estadía media e os percorridos máis habituais”, explicouse na presentación.

Na cita engadiuse tamén que o proxecto tamén incluíu a implantación do Sistema Integral de Calidade Española en Destino (SICTED), distintivo no que xa hai 75 empresas e servizos turísticos adheridos e tamén a Diagnose de Destino Turístico Intelixente, distinción na que a Mancomunidade Barbanza Arousa é a primeira entidade supramunicipal de Galicia en obtelo.

Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia destacou o papel de Barbanza Arousa na tradición xacobea e reiterou o apoio da Xunta de Galicia aos Camiños de Santiago.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o investimento dos fondos Next Generation na Mancomunidade, con dous proxectos vertebradores como son este, dotado de 1 millón e tamén o Plan de Sustentabilidade Turística cunha inversión de 1,5 millóns. Na mesma liña, José María Pérez, director da División de Programas Turísticos e Asuntos Económicos da Secretaría de Estado de Turismo fixo fincapé na oportunidade transformadora do Plan de Recuperación e Resiliencia nos destinos turísticos.

Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, uniuse á importancia das intervencións no Camiño de Santiago e o seu valor “desestacionalizador do turismo galego”.

Para finalizar o acto convidouse a tódolos participantes a unha degustación de produtos do territorio a cargo do restaurante O Curral do Marqués e do alumnado do Certificado de profesionalidade Operacións Básicas de Cociña do Centro de formación do Concello de Boiro; acompañados cos viños da IXP Terras do Barbanza e Iria da Adega Entre os Ríos. Ámbalas dúas empresas están certificadas no SICTED.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.