A Deputación abre o prazo de presentación de candidaturas aos Premios PEL 2025, que recoñecen o talento empresarial da provincia

25 Abril 2025
Acto de entrega dos premios PEL 2024 no Auditorio de Ribeira

A Deputación da Coruña vén de abrir o prazo de presentación de candidaturas para a sétima edición dos Premios PEL, unha referencial iniciativa de apoio ao tecido empresarial da provincia cuxo obxectivo, segundo lembrou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, é “recoñecer o talento, esforzo e implicación das empresas, emprendedores e autónomos na creación de emprego e no desenvolvemento económico da provincia da Coruña”.

“Cos Premios PEL queremos recoñecer proxectos que non só destaquen polo seu éxito empresarial, senón tamén pola súa capacidade para xerar valor engadido, mellorar a calidade de vida da cidadanía e impulsar o desenvolvemento do territorio”, apuntou, engadindo que con este espírito a Deputación destina esta ano un total de 75.000 euros en galardóns que se repartirán entre tres grandes categorías, “convertendo esta convocatoria nunha das máis relevantes a nivel galego e estatal no ámbito do emprendemento e a innovación”.

Cada unha das tres categorías desta edición está dotada cun premio de 20.000 euros. Ademais, o xurado poderá conceder ata tres accésits de 5.000 euros cada un a proxectos que, sen acadar o galardón principal, amosen méritos destacados e impacto transformador.

A primeira categoría, Premio á Iniciativa Emprendedora, está pensada para dar visibilidade a iniciativas emprendedoras que botaran a andar nos últimos tres anos: 2023, 2024 e 2025. Valorarase especialmente o carácter innovador, a creatividade e a capacidade para detectar necesidades e darlles resposta de maneira eficaz. Trátase de poñer en valor esas novas empresas ou proxectos autónomos que, malia seren recentes, xa deixan pegada no seu sector e contribúen a dinamizar a economía local.

A segunda categoría, Premio á Traxectoria Empresarial está destinada a empresas consolidadas, con especial atención a aquelas que conseguiron combinar rendibilidade económica e creación de emprego con compromiso social e ambiental. Non se busca só premiar o éxito financeiro, senón tamén o liderado responsábel, a aposta pola calidade no emprego, a innovación sostida no tempo e a capacidade de adaptación aos retos do presente. Son empresas que serven de referente, que amosan que “é posíbel medrar sen perder de vista a comunidade”, explica a Deputación.

A terceira categoría é o Premio á Proxección e Innovación Sostíbel. Este premio será outorgado directamente polo xurado e está reservado a aquelas iniciativas que, pola súa proxección, impacto ou aposta pola innovación merecen un recoñecemento especial. Este premio pretende subliñar o papel transformador de determinados proxectos que, desde a súa actividade empresarial, están contribuíndo a facer da provincia da Coruña un lugar máis equilibrado, inclusivo e moderno.

Como novidades nesta edición, a Deputación incorpora un xurado máis plural e paritario, “no que se inclúen representantes de empresas da economía social e no que se garante a igualdade de xénero”. Amais, amplíanse os criterios de antigüidade das empresas participantes, eliminando as restricións das convocatorias anteriores para permitir que calquera proxecto empresarial da provincia poida optar ao recoñecemento, con independencia do ano no que se puxo en marcha. A isto súmase unha importante simplificación do proceso de presentación das candidaturas, que se poderá realizar integramente de forma telemática e cunha redución significativa da documentación requirida.

As candidaturas deberán incluír unha memoria que recolla os principais fitos, obxectivos e impactos da empresa, cun máximo de sete páxinas, así como un vídeo de ata dous minutos de duración, en formato horizontal e cunha resolución mínima de 1080p. Este vídeo pode estar aloxado nunha plataforma dixital ou na propia web da entidade candidata. A documentación presentarase a través da sede electrónica da Deputación, dispoñíbel na plataforma Subtel da Deputación, mentres que as bases completas da convocatoria poden consultarse en Pel.gal.

O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 16 de maio de 2025, ás 14:00 horas. A Deputación anima a todas as empresas, autónomas e entidades da provincia a dar o paso, a facer visíbel o seu traballo e a compartir a súa historia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

Era un día de choiva, como moitos outros deste ano e de anos anteriores, chovía sen parar tampouco paraba a chuvia no chan. Era un día como moitos, chovía a destempo aquí e alí, aun par de quilómetros, o sol quentaba as canelas e o carrelo da xente que pasaba. Era...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.