A CEMMA lembra que as capturas accidentais son unha ameaza para os cetáceos en Galicia

03 Abril 2025

A coordinadora CEMMA fixo balance da súa actividade en materia de estudo, defensa e conservación dos mamíferos mariños e tartarugas do noso litoral, promovendo e formando parte de diferentes estudos e potenciando aspectos divulgativos mediante exposicións, cursos e conferencias durante os últimos 35 anos. Segundo se fai saber no balance, entre 1990 e 2024 foron recompilados uns 9.200 encallamentos e detectados uns 500 exemplares varados con vida, 300 liberados, a maioría cetáceos. Ademais, 190 animais (a maioría tartarugas e lobos mariños) necesitaron ser ingresados en recuperación, con éxito nun 70% dos casos.

Nestas décadas CEMMA realizou “un intenso e profundo estudo das poboacións de cetáceos presentes na costa de Galicia”, contando con mostraxes a bordo de embarcacións, en avioneta, observacións dende unha rede de puntos repartidos ao longo de toda a costa, seguimento individual dos movementos dos arroaces nas rías a través de fotoidentificación ou a posta en marcha de ferramentas electrónicas e aplicacións para facilitar á sociedade a notificación de avistamentos ou interacción con cetáceos.

CEMMA participou ademais en mancheas de proxectos e colaborou con centros de investigación estatais e internacionais, que tiveron como resultado máis de 100 publicacións en revistas científicas e máis de 300 en congresos. “Todos estes traballos”, explican os responsábeis da coordinadora, “contribuíron a un mellor coñecemento das especies de cetáceos, lobos mariños e tartarugas e as súas poboacións e ameazas que afrontan”. Entre todas elas destaca a toniña, á que se cambiou o seu estatus de conservación de “vulnerael” a “en perigo de extinción” en 2020.

Ademais no balance reivindícase “o importante labor educativo despregado pola coordinadora, dende nivel infantil a nivel universitario mediante charlas, publicacións e realización de cursos, intentando achegar estas especies á sociedade e na procura de lograr unha rede de voluntariado que poida participar nas actividades cotiás da asociación”.

CEMMA

Capturas accidentais

A CEMMA leva rexistrando os varamentos de cetáceos en Galicia dende 1990, ademais do rexistro de indicios de capturas detectadas nos encallamentos e, a maiores, leva contribuíndo á investigación do impacto das actividades pesqueiras sobre os cetáceos dende 1998 a través de proxectos específicos propios ou en colaboración con outras entidades.

Para ter un mellor punto de vista e coñecer a realidade deste impacto, traballou co sector produtivo mariño tanto a bordo das embarcacións como a través da recolección de enquisas, tendo obtido e publicado resultados destes impactos xa dende inicios do século XXI.

No ano 2003, en base a un traballo de enquisas entre o sector, a CEMMA estimou a mortalidade anual de cetáceos en 1700 exemplares, cando os varamentos non superaban de media os 150 exemplares ao ano.

Anualmente a entidade emite informes onde se recollen todos estes aspectos e son entregados as administracións competentes.

Campaña Sea Shepherd-Francia en Galicia

Dende mediados de marzo a tripulación da embarcación Walrus leva revisando a costa de Galicia na percura de indicios de captura accidental de cetáceos. Explican dende a coordinadora que “as imaxes e material gráfico da campaña Dolphin Bycatch, veñen corroborar algo que xa sabiamos, que as capturas accidentais son a unha ameaza e o maior problema de conservación dos cetáceos en Galicia e que as cifras anuais poden ser desorbitadas”. Engaden que “se ben afectan en maior medida ao golfiño común, especie cunha poboación numerosa e abundante, ten repercusións moi negativas noutras especies máis vulnerábeis como é o arroaz, o arroaz boto e, sobre todo, á toniña que é unha especie en perigo de extinción; e aínda que nas imaxes publicadas só se observa interacción co arrastre, tamén existe con outras artes, principalmente co enmalle”.

As solucións, din, “non son sinxelas”, mais apuntan que cómpre abordar o problema inicialmente no marco da lexislación vixente que esixe a notificación de cada captura para poder ter unha visión o máis detallada posible da problemática. “Despois frontalmente e con rigurosidade, o primeiro paso, como calquera enfermidade crónica, é ser consciente do mesmo e sentar na mesma mesa a todos os actores implicados, incluso aos golfiños”, conclúen.

Varamento de golfiño en Boiro

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

Era un día de choiva, como moitos outros deste ano e de anos anteriores, chovía sen parar tampouco paraba a chuvia no chan. Era un día como moitos, chovía a destempo aquí e alí, aun par de quilómetros, o sol quentaba as canelas e o carrelo da xente que pasaba. Era...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.