A contorna do monte de San Alberto en Ribeira acolleu este 13 de marzo a presentación da segunda edición do programa turístico e divulgador Camiño dos Mitos e Lendas, que para a súa nova convocatoria volve contar cun protagonista de excepción e un dos grandes coñecedores de todo canto misterio latexa debaixo das pedras de Ribeira e O Barbanza: o músico e comunicador de Castiñeiras, Tonhito de Poi. O propio integrante (e co-fundador) dos Heredeiros da Crus participou este xoves na presentación, xunto co concelleiro de Turismo e segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta.

O programa, que colleitou un importante éxito na súa primeira edición, é un roteiro que combina a beleza natural con relatos e lendas locais. Na súa convocatoria do ano pasado capturou o interese de moitos visitantes e residentes, que gozaron da experiencia única que se ofrece no programa.
Segundo informaron, nesta segunda edición “o percorrido promete ser unha experiencia chea de sorpresas”. O traxecto, sinalaron, “discorre por unha contorna natural que ofrece unhas vistas impresionantes e tamén a oportunidade de descubrir vestixios do pasado que son testemuñas de historias fascinantes”.
O concelleiro explicou que a narración destas historias, que forman parte do rico patrimonio cultural de Ribeira, correrá a cargo, un ano máis, de Tonhito de Poi, que guiará aos participantes a través desta viaxe, “facendo que cada relato cobre vida dunha maneira especial”. Engadiu que “ boa acollida do ano anterior motivou a continuidade desta experiencia, coa esperanza de atraer a máis persoas e seguir fomentando o interese polas nosas tradicións e lendas; sen dúbida, será unha oportunidade perfecta para gozar da natureza, a cultura e nosa historia”.
Francisco Suárez-Puerta apuntou tamén que estas accións ou produtos turísticos teñen como obxectivo “desestacionalizar a afluencia dos visitantes”.
Respecto do balance da primeira convocatoria, lembrou que “foi todo un éxito rotundo que motivou que viñeran visitantes de Ourense, Lugo, Madrid e de diferentes partes de Galicia; tivemos que deixar xente fóra da actividade pola altísima demanda”.
Tonhito de Poi adiantou que haberá sorpresas no percorrido e que “o guía de camiño será o sol”, que servirá de eixe vertebrador dunhas actividades que rematarán co “luscofusco”. Agradeceu ao departamento de Turismo e por extensión ao Concello de Ribeira por contar novamente co Camiño dos Mitos e Lendas e sinalou o percorrido é un traxecto de 2 quilómetros, deseñado para unha experiencia sen complicacións, a partir dos 6 anos. Este traxecto ten unha duración aproximada de 1,5 horas para ofrecer unha experiencia relaxada cun nivel de dificultade medio-baixo.
Horario e cronograma
De 18.30 a 21.30 h
12 de abril, 3 e 24 de maio e 21 de xuño
Condicións de participación
1. Reserva de praza: hai 60 prazas dispoñíbeis. Para participar no roteiro, é imprescindíbel realizar unha reserva previa. As reservas pódense realizar a través do teléfono 981 873 007 ou na Oficina de Turismo do Malecón. O lugar de saída será desvelado no momento da reserva.
2. Entradas nominativas: as entradas son persoais e intransferíbeis, é dicir, cada entrada está asignada a un participante específico. Non se permitirá a participación de persoas que non estean rexistradas cunha entrada nominativa.
3. Límite de participación: cada participante poderá inscribirse nun único roteiro, dado que os catro itinerarios programados son idénticos. Isto establécese para garantir unha experiencia máis enriquecedora e organizada para todos os participantes.
4. Confirmación de asistencia: recoméndase confirmar a asistencia con antelación, xa que as prazas son limitadas e asignaranse por orde de reserva. Ao realizar a reserva, acéptanse estas condicións de participación.




