“Salvaxe, Salvaxe”, a homenaxe de Emilio Fonseca ao espírito indómito do lobo, chega este venres 21 ás salas de cine (e o venres 27 a Ribeira)

21 Marzo 2025
O director Emilio Fonseca

Salvaxe, Salvaxe, rodada en parte no Barbanza, chega este venres 21 ás salas de cinema españolas. O filme do director Emilio Fonseca, que está agora mesmo coa súa xira de preestreas galegas, foi premiado en eventos como o Festival de Málaga, o FICG Guadalaxara, o Play-Doc de Tui, o Festival Alcances, o Festival de Cine Internacional de Ourense ou o certame Another Way Film Festival. O documental proxectarase na súa primeira semana en salas cidades e localidades como Lugo, Santiago de Compostela, Cee, Ribeira, A Coruña, Valladolid, Madrid, Valencia ou Barcelona.

Nun tempo de colapso e catástrofe ecolóxica, este ensaio fílmico interroga os límites entre o doméstico e o indómito, entre o puro e o híbrido. Salvaxe, Salvaxe busca resignificar as imaxes de natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos, segundo adianta o seu autor, o cineasta Emilio Fonseca, que rende unha homenaxe á natureza indómita do lobo e salienta o privilexio que temos os seres humanos de telo aínda entre nós, trala liña difusa do ámbito civilizado, logo de séculos de persecución (recrudecida estes días co apoio do PP, Vox e outros partidos da dereita e mesmo tamén da esquerda, que impulsaron unha medida claramente política e demagóxica para permitir a súa caza ao norte do Douro).

Ata finais do mes de marzo o documental poderá verse en CineBaix (Sant Feliu del Llobregat), Zumzeig (Barcelona), Cines Babel (Valencia), Cines Embajadores Río (Madrid), Círculo de Bellas Artes (Madrid), Cines Manhattan (Valladolid), Duplex Cinema (Ferrol), no Teatro Colón da Coruña dentro da Semana do Cine Galego 2025, Cines A Xunqueira (Cee), Cines Broadway (Valladolid), Códex (Lugo) e Numax (Santiago de Compostela).

Unha das súas paradas tamén será o Auditorio de Ribeira o 27 de marzo ás 19:00 h, nunha proxección na que estarán presentes o seu director, Emilio Fonseca, e a súa produtora, Xiana do Teixeiro.

A concelleira de Cultura, Antía Alberte animou á veciñanza asistir á proxección que será de balde, tamén sinalou que “dsepois da proxección, haberá un coloquio co propio director, Emilio e a produtora, Xiana, onde será posíbel facerlles preguntas sobre o documental así como compartir unha reflexión sobre a temática do documental”.

Poden consultarse todos os pases en salvaxasalvaxe.com.

O documental foi rodado entre Galicia e Portugal. Trátase dun exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...