No día deste domingo 24 de marzo celebrouse o Encontro das Persoas Maiores de Ribeira, que, segundo fixo saber o Concello (organizador) acadou este ano unha nova marca de comensais sobre pasando o milleiro de asistentes, “converténdose así no encontro máis multitudinario da historia”, sinalaron dende o Consistorio, engadindo que houbo novidades como a incorporación de produto local mediante a introdución no menú de percebe de Aguiño do que se serviron máis de 200 quilogramos.

Ao mediodía celebrouse unha misa solemne na Igrexa Parroquial de Santa Uxía cantada pola Coral Polifónica Municipal para despois as e os participantes no encontro desprazarse, arredor das 13.30 horas, ao Complexo Deportivo A Fieiteira onde foron recibidos polo rexedor, Luís Pérez Barral e o tenente de alcalde, Vicente Mariño de Bricio.

A recepción dos comensais fluíu perfectamente sen ningún incidente. Para garantir a seguridade do evento activouse un protocolo especial de emerxencias con presenza continua da Policía Local, GAEM e voluntariado de Protección Civil.

Unha vez rematada a distribución das mesas e con toda a veciñanza sentada en cadansúa cadeira, procedeuse ao discurso do tenente de alcalde máis o do rexedor arroupados polos respectivos presidentes dos xubilados do municipio. A continuación pasouse a servir o primeiro prato cun rexemento de camareiros da empresa Chicolino; a estrela do menú foi o marisco, con cigalas, camaróns, percebes, cocido, sobremesa de entroido e café. Xa no momento do café, aconteceu unha sorpresa para o asombro de tódolos veciños e veciñas coa a actuación ao vivo da murga gañadora do concurso de Entroido 2025: As voltas da vida da Asociación Veciños de Carreira. A murga foi recibida polas persoas asistentes unha grande ovación nun final abraiante coa interpretación adaptada do Nessun Dorma do compositor Giacomo Puccini; para rematar o encontro deuse paso ao baile amencido pola cantante Mar Davila.

Desde o Goberno municipal incidiuse en que con este ventou reforzouse “o compromiso cos nosos maiores e para iso tamén se traballará para defender os servizos públicos de calidade como a sanidade ou os servizos de dependencia que permiten garantir unha vida digna e plena”.






