“Outra vez a brindar con estraños (o valor da música ante a soidade e o illamento)” – Alejandro Luaces

18 Marzo 2025

Desde a orixe das nosas sociedades, a música en vivo e o canto son unha ferramenta clave de consolidación das relacións humanas e de intensificación das mesmas, de construción identitaria e emocional. Tamén fonte primordial de saúde mental, tendo especial valor as músicas tradicionais e populares propias e foráneas, por ser estas interpretadas ou experimentadas en conxunto e en común, eixo fundamental de celebracións e ritos de paso, de expresión individual e colectiva.

Máis aló do valor consolidado e recoñecido da música como ferramenta de intervención clínica ou hospitalaria, é radicalmente prioritaria a implementación e recomendación de proxectos de saúde comunitaria onde estean presentes a música en vivo e o canto, vencellados á nosa historia de vida, á historia colectiva e a cultura popular, poñendo voz así tamén a un sector silenciado e con moito que dicir: o dos homes e mulleres maiores. Clave sería recuperar e adaptar a función social destas músicas e eses músicos, amparándonos na súa propia transmisión e escapando das intervencións puntuais, anecdóticas e voluntaristas: crear activos de saúde.

Na xira que estamos a desenvolver por Europa (A vida segue igual) compartindo as cancións con persoas de idade, comprobamos que esta capacidade da música para crear espazos positivos de relación segue intacta, pero necesitada de espazos dignos. A evolución das nosas sociedades nos últimos anos incapacita, desde o paternalismo, a participación do lecer e a cultura propia nesta franxa de idade, desprestixiando tamén profesionalmente o oficio de músico popular, gremio fundamental nas nosas culturas a pesar de non ser valorados con condicións de traballo dignas e espazos de música próximos, regulares e accesibles economicamente, aínda sendo recoñecido polas nosas sociedades como unha figura inherente á vida.

Agora que artistas como Rodrigo Cuevas -Premio Nacional de Músicas Actuais- triunfan entre a modernidade como herdeiros directos e lexítimos dun patrimonio de valor incalculable, devolverlles ás persoas maiores eses espazos musicais que nos reclaman a berros sería importante, espazos que serán sen dúbida ferramenta fundamental de diversión e mellora vital, de aforro de orzamentos públicos cargados de gastos farmacolóxicos prescindibles, ao servizo de formulacións sanitarias de intereses opacos.

Empuxar para construír espazos de saúde positiva máis amables e humanos, en colaboración cos traballadores e traballadoras dos centros, asociacións e organizacións, debe ser unha prioridade para as administracións e tamén para os músicos, sacando o mellor de cada un de nós e nós, poñéndoo ao servizo da sociedade como traballadores desta disciplina artística: a música como un actor máis.

Aínda que sería importante medir o risco de crear unicamente espazos artísticos de intervención, valorando positivamente a prioridade de vencellar o
desenvolvemento ao tecido asociativo e comunitario xa existente. De non facelo, unha parte parte dos novos profesionais da música ou da musicoterapia, poden caer en formulacións que nos trasladen a espazos de intervención similares aos que pretendemos eliminar, asistencialistas e con complicidades amplas entre as tendencias bioloxicistas ou farmacolóxicas.

Neste mesmo sentido, tentar acoutar a definición do que debe ser o traballo comunitario, traballando sobre o marco real -real- de illamento das persoas de idade, en colaboración coas estratexias comunitarias xa activas e desde unha teoría que debata a súa rede multicausal. Loitar a través das cancións contra o envilecemento da vida na vellez. Poñeremos así, inevitablemente, en valor a importancia dos determinantes sociais na súa saúde, cun alto índice de pobreza estrutural. Tamén o impacto positivo que a música supoñería para aqueles que non poden ter acceso a un lecer de pago.

Podemos cantar unicamente porque temos as cancións, non as solucións aos problemas estruturais de soidade nin ás patoloxías que de aí derivan, tal e como informa recentemente nos seus estudos a Organización Mundial da Saúde (OMS). É este un problema de saúde pública que debemos abordar entre todos e todas, moito máis en contextos residenciais ou domiciliarios nos que a vida flúe con emocións e ritmos complexos.

Apropiémonos unha vez máis dos itinerarios de saúde, receitémonos cancións e música. Dignifiquemos as nosas vidas, porque vivir non é
durar.

Alejandro Luaces

Músico e tallerista, en contextos asociativos e residenciais, con persoas maiores. Postgraduado en Saúde Mental Colectiva pola URV

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...