O Concello de Outes compartiu o calendario das rutas culturais que se desenvolverán esta primavera para coñecer o patrimonio do termo municipal (ambiental, paisaxístico, cultural, arquitectónico, etnográfico) da man de persoas expertas nos tesouros locais. A inscrición nas andainas do programa Rutas de Primavera 2025 (Coñece o Noso Patrimonio) é obrigatoria e abrirase o luns previo a cada andaina.

Para inscribirnos hai que cubrir o formulario que atoparemos escaneando o código QR do cartel ou visitando a web municipal.
Este luns 31 de marzo o Concello achega o formulario de inscrición para a primeira andaina: Historia do Freixo e Rego do Rial. Esta ruta será o 6 de abril con saída dende o Centro Náutico do freixo e cunha distancia de 10 quilómetros.
O 20 de abril será a quenda da ruta Torre dos Muros e fervenzas de San Paio, con saída dende a igrexa de San Lourenzo, e cun percorrido de 6,5 quilómetros.
O 4 de maio está previsto o roteiro Historia apícola no val de Donas, con saída da capela de San Andrés e cunha distancia de 7 quilómetros.
O 18 de maio está programada a ruta Camiñando cara a orixe do concello de Outes, con quedada na Eira do Carme, en Brión de Arriba. O percorrido será de 9 quilómetros.
Xuño comezará (o día 1) co itinerario Roo e o río Bendimón, historia e espiritualidade, con xuntanza de participantes no estacionamento da igrexa de Roo. A distancia será de 7 quilómetros.
O programa rematará o 15 de xuño co roteiro De Mirás a Carleo polo Cristo de Baneo, con punto de reunión na capela do Socorro de Mirás. A distancia a percorrer será de 7,5 quilómetros.
A hora de saída de todas as andainas será ás 9.00 horas. Todas presentarán dificultade media. As prazas son limitadas (50 persoas por andaina, agás a da Torre dos Muros e as fervenzas de San Paio, cuxo límite será de 25).



