O proxecto Free LitterAT reúne nun kit de ferramentas en liña os recursos de 25 proxectos europeos para previr e reducir o lixo mariño

18 Marzo 2025

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desenvolveu un kit de ferramentas en liña que reúne os recursos de 25 proxectos europeos para previr e reducir o lixo mariño, axudar ás partes interesadas nesta materia e avanzar cara a consecución de comunidades costeiras libres de lixo mariño.

Este traballo, que acaba de vela luz, foi desenvolvido en rede no marco do proxecto Interreg Espacio Atlántico Free LitterAT, centrado nesta materia e coordinado polo propio CETMAR, e en colaboración co equipo de traballo sobre Océanos Saudábeis e Costas Resilientes do Plan de Acción do Atlántico da Comisión Europea.

Con ese apoio, o equipo da área de Control e Xestión do Medio e os Recursos Mariños  do CETMAR, centro dependente da Consellería do Mar, contactou con mais de 30 proxectos europeos de diferentes programas que traballaron en diversos aspectos do lixo mariño, dos que un total de 25 colaboraron na elaboración deste kit de recursos.

O documento online resultante froito desta iniciativa de colaboración está dispoñÍbel na páxina web do proxecto Free LitterAT), facilitando así  aos responsábeis políticos, as autoridades locais, a comunidade investigadora, a industria, as ONGs e a sociedade civil en xeral o acceso a proxectos clave na loita contra o lixo mariño e os recursos asociados, e fomentando ao tempo o traballo en rede.

Os recursos seleccionados neste kit abranguen desde directrices e metodoloxías e boas prácticas ata manuais, procedementos, prototipos tecnolóxicos, estudios de ciclo de vida, software, aplicacións e materiais de capacitación e comunicación, entre outros.

A maiores inclúense publicacións científicas sobre xestión e reciclaxe de residuos, prevención na entrada de lixo cara ao mar, detección e seguimento, retirada e recollida de lixo mariño (artes de pesca abandonadas ou descartadas, programas de pesca de lixo, limpeza de costas e praias) ou sobre a concienciación.

A Consellería do Mar conclúe que se ben esta acción do proxecto Free LitterAT foi promovida no marco do Plan de Acción do Atlántico, “ten vocación de aplicarse a outras concas mariñas, polo que está prevista a súa difusión co apoio dos proxectos participantes e do propio Plan”. Así, de cara ao futuro programaranse accións conxuntas (talleres, accións piloto, actividades de formación) e estudiarase a posibilidade de agrupar os resultados dos proxectos de investigación para incrementar o seu impacto e aplicabilidade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...