O Concello de Padrón continúa avanzando no seu proxecto de rehabilitación da Praza de Abastos, unha actuación estratéxica que permitirá revitalizar este espazo emblemático “combinando a súa esencia tradicional cunha oferta turística e gastronómica moderna e atractiva”, explicaron dende o Goberno local, engadindo que o “obxectivo principal é converter a praza nun punto de referencia para veciños, visitantes e peregrinos, dinamizando a actividade comercial e reforzando a súa importancia dentro da economía local”.

Entre as melloras contempladas destaca a creación dunha nova oficina de turismo, que contará cun espazo polivalente especialmente pensado para acoller peregrinos, con armarios e servizos adaptados ás súas necesidades. Ademais, habilitarase “unha zona flexíbel” que poderá empregarse para a celebración de demostracións gastronómicas (showcookings) en eventos como as Xornadas Gastronómicas da Lamprea, así como unha área expositiva que poida acoller diferentes mostras culturais e divulgativas.

A intervención tamén inclúe a mellora estrutural dos primeiros postos do mercado, “garantindo un espazo renovado que impulse a actividade comercial e mellore a experiencia dos usuarios”. A maiores está prevista a instalación de novos baños exteriores e a posta en marcha dun plan de actuación progresivo que sente as bases para a futura renovación integral da praza.

O Concello de Padrón informou tamén que está a traballar activamente para garantir o financiamento desta intervención, buscando o apoio doutras administracións que permitan “consolidar a Praza de Abastos como un referente gastronómico, cultural e turístico”. Neste contexto, o pasado mércores 12 de marzo, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, visitou o mercado para coñecer de preto os plans previstos. O alcalde Anxo Arca, acompañado da concelleira de Turismo, Chus Campos, e dos técnicos municipais de Turismo e Urbanismo, Alberto Rey e Ramón Rey, detallou as actuacións previstas para revitalizar este espazo clave para a economía local.
“Esta iniciativa enmárcase dentro dun conxunto de proxectos que o Goberno local está a desenvolver para mellorar a calidade de vida da veciñanza e dinamizar a actividade económica de Padrón”, engadiron.
