
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou este 11 de febreiro, en comparecencia no Parlamento de Galicia ante preguntas do Bloque Nacionalista Galego, que “a asistencia sanitaria está plenamente garantida en todos os centros de saúde de Ribeira mediante a reorganización dos recursos humanos por medio de intersubstitucións e con persoal dos distintos centros”. Engadiu que “na actualidade o municipio ten unha dotación dun total de 18 médicos de familia repartidos en catro centros: 14 no de Ribeira, 1 na Casa do Mar de Corrubedo, 1 na Casa do Mar de Palmeira e 2 na Casa do Mar de Aguiño” e que “agora mesmo hai catro vacantes, dúas delas por xubilación e outras dúas por incapacidades temporais”.
Incidiu asemade en que o Servizo Galego de Saúde “traballa para cubrir tan axiña como sexa posíbel estas vacantes”, pero dixo que existen “dificultades” para contar co persoal preciso para emendar a situación, “xa que non hai nas listas de contratación profesionais sanitarios aos que poder contratar”. Engadiu que dende a Consellería existe “a firme vontade de garantir a asistencia sanitaria nos catro centros de saúde do municipio e de cubrir canto antes as dúas prazas do Centro de Saúde de Aguiño, tal e como lle transmitiu á veciñanza na xuntanza celebrada a pasada semana”.
Na súa intervención, o conselleiro subliñou que Galicia e o País Vasco impulsaron un manifesto apoiado por un total de 13 comunidades urxíndolle ao Goberno de España medidas para a dotación de máis médicos. Incidiu en que o propio Parlamento galego aprobou diversas iniciativas para demandarlle, entre outras cuestións, o aumento da idade de xubilación ata os 72 anos de xeito voluntario, ou a axilización de homologación de títulos de especialista en ciencias da saúde. Engadiu que “estas iniciativas, ao igual que a lei da Xunta de medidas extraordinarias para poder ocupar as prazas de difícil cobertura por concurso de méritos, contaron no Parlamento galego co voto en contra da oposición”.
O BNG cualifica a situación de “demencial”
Pola súa banda, o BNG esixiu no Parlamento ao Goberno do PP que remate dunha vez por todas coa “situación demencial” que viven os profesionais e os pacientes dos centros de saúde de Ribeira e de Aguiño dende hai meses, nun pleno ao que asistiron un cento de veciñas e veciños acompañados do alcalde ribeirán, Luís Pérez Barral, e que logo mantiveron un breve encontro coa portavoz nacional, Ana Pontón, a deputada pola comarca do Barbanza, Rosana Pérez, autora da iniciativa parlamentaria, e as portavoces parlamentarias de Sanidade e Sanidade Hospitalaria, Montse Prado e Iria Carreira, respectivamente.
“Cando van ter Aguiño e Ribeira o persoal médico que necesitan e que lles corresponden?”, cuestionou Rosana Pérez nunha pregunta parlamentaria na que criticou ao titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, por, segundo dixo, “a súa falta de compromiso na resolución dunha situación sanitaria caótica”.

Pérez advertiu ao conselleiro “que a falta de persoal médico que veñen padecendo os veciños e veciñas no concello é insostíbel, cun Centro de Saúde en Ribeira con máis de 20.000 pacientes que só ten dez médicos cando debía contar con 15, ou con mobilizacións semanais dende hai cinco meses en Aguiño porque non dispoñen de médico ou médica permanente en ningunha das dúas prazas que ten o seu centro sanitario”.
Para a parlamentaria da Pobra do Caramiñal, “o único que soubo facer a Consellería dende outubro foi vestir un santo para desvestir outro, movendo un médico de Ribeira para Aguiño, malia a situación extrema do ambulatorio de Ribeira”. Tamén lembrou que este facultativo “ten que cubrir dous cupos de case 1.800 persoas, o que provoca unha espera para consulta a día de hoxe de 13 días en Aguiño e 15 en Ribeira”.
A parlamentaria criticou a Gómez Caamaño por, sostivo, “non atender os problemas da sanidade ribeirá e por non ter tempo para recibir ao seu alcalde despois de múltiples solicitudes e mantivese un encontro cos veciños e veciñas de Aguiño, nada máis e nada menos que cinco meses despois das súas protestas”.
Unha reunión na que, recalcou, o conselleiro “non se comprometeu a nada e só supuxo un intento máis e á desesperada de desmobilizar ás persoas afectadas diante da manifestación prevista para o próximo día 15; mais isto tampouco o vai conseguir, a saúde é un dereito e están dispostos e dispostas a loitar por el”, sinalou.
Nesta liña, comentou que “logo dun ano de lexislatura e o compromiso de Gómez Caamaño de reforzar a sanidade pública, a situación, lonxe de mellorar, empeorou no conxunto do país, tamén para a cidadanía de Ribeira e Aguiño”. Por iso, engadiu, “fronte á promesa do titular de Sanidade aos veciños e veciñas de Aguiño de que non vai pechar o seu ambulatorio, non nos fiamos”, afirmou, “porque na pandemia o Goberno do PP pechou na comarca o de Cabo de Cruz e o de Taragoña e cinco anos despois, recordou, permanecen pechados”.
Pérez tamén dixo que “a Xunta tentou despois pechar o Centro de Saúde de Palmeira” e “ten o PAC da Pobra mermado e remitindo as urxencias a Ribeira, a un centro que está totalmente colapsado”. “Agora o único ao que se comprometen é a unha entelequia: Aguiño terá médicos se hai voluntarios que queiran ir”, criticou, para lamentar a continuación que a Xunta fíe a solución a este colapso á voluntariedade de médicos e médicas.



