A Plataforma Queremos Galego da Barbanza vai convocar para este domingo día 9 de febreiro ás 12h diante do busto de Castelao na Ribeira de Rianxo, unha lectura aberta de textos do autor rianxeiro. O acto encádrase nas celebracións do Ano Castelao, que conmemora, este 2025, os 75 anos do pasamento do escritor, debuxante e político rianxeiro.
Queremos Galego é unha plataforma cidadá conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de “articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada”.
A plataforma, ademais da lectura de textos de Castelao deste domingo, convocou para o 23 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía, unha manifestación nacional a prol da lingua en Santiago de Compostela, a partir das 12.00 horas e dende a Alameda (rematando no Obradoiro cunha gran actuación musical). A entidade convida a cidadanía a “transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora, o día de Rosalía, reclamando Lingua vital xa!” A información sobre os autobuses, que sairán desde todos os puntos do país, estará dispoñíbel na web de Queremos Galego a medida que se vaian concretando.




