
O PSOE de Rianxo, a través do seu voceiro Óscar Rial, lanzou este 13 de febreiro un comunicado no que denuncia as deficiencias atopadas no Pavillón Municipal de Deportes, que, segundo fai saber a agrupación, “continúa sufrindo filtracións de auga sen que o Goberno local tomara as accións eficaces e coa intensidade necesaria para emendar o problema”. Lembran que no pleno do 26 de setembro preguntaran por esta situación, e que o Goberno comprometérase a esixir solucións á empresa responsábel, “cousa que derivou nun sobrecuste de 9.000 euros e no pago de 640 euros por danos da obra”, contías asumidas polo Concello pero que, en palabras dos socialistas, “deberan ser asumidas pola empresa responsábel”.
Engade o grupo no comunicado que “a realidade é que en 1 ano e 6 meses só temos constancia de 6 visitas ou actuacións por parte da empresa, das cales a maioría producíronse nos últimos dous meses, coincidindo coa crecente gravidade da situación e a exposición pública do problema, así como pola inquedanza e malestar dos usuarios/as de poder desenvolver a actividade con normalidade”.
No comunicado os socialistas sosteñen que “o Goberno de Rianxo decidiu recepcionar unha obra con deficiencias, limitando agora calquera decisión de arranxo, quedando a expensas unicamente da garantía e fianza, ou outro tipo de acción administrativas”. E conclúen: “Desde o PSOE de Rianxo lamentamos esta situación e esiximos que o Goberno tome medidas definitivas para poñer fin ao problema . As pequenas actuacións que se están levantando a cabo non son máis ca parches temporais e non solucionan ou problema a medio ou longo prazo. Esta falta de previsión prexudica tanto ás persoas usuarias do pavillón como ás propias zonas municipais”.
No comunicado tamén teñen palabras para destacar “a paciencia e a comprensión dos clubs deportivos de Rianxo , que tiveron que se adaptarán a esta situación”.