
O Partido Popular de Ribeira, a través do concelleiro Alejandro Vidal Álvarez, presentou unha moción para ser debatida no pleno da Corporación relativa á parroquia de Castiñeiras e á súa Casa da Cultura, unha infraestrutura de “gran relevancia social e cultural pero que se atopa en preocupante estado de deterioro”, sinala o concelleiro, engadindo que esta urxencia no mantemento é aplicábel tamén á contorna da Casa da Cultura, onde se atopa a igrexa parroquial co seu adro e a súa área de lecer.
Segundo indican os populares nun plano máis detallo, a rampla de acceso ao adro parroquial, na súa marxe esquerda, “leva case un ano sen varanda de protección” e no seu lugar están colocados valados de obra para evitar posíbeis accidentes, “pero a situación continúa sen resolverse nunha baixada con moita pendente, o que supón un perigo adicional”, sinalan, engadindo que “se nos trasladamos á marxe dereita, atopamos a beirarrúa cuberta de verdello, o que nos días de choiva a converte nunha auténtica pista de patinaxe en determinados tramos, poñendo en risco a seguridade dos peóns”. A agrupación tamén pon o foco na presenza dunha árbore situada na contorna da Casa da Cultural cuxas pólas están apoiadas sobre o tellado dende antes do verán. “Os días de vento xa provocaron a rotura dalgunhas tellas e, de seguir así, poderanse acabar sucedendo filtracións no interior do edificio”, sinalan, facendo fincapé en que o merendeiro que se atopaba na parte traseira desapareceu: “Descoñecemos se foi retirado polo Concello ou se trata de un acto vandálico”.
Denuncian tamén que “os días nos que se celebra algún acto o aparcadoiro convértese nun auténtico caos”.
Por estes e outros motivos, os populares reclaman o seguinte:
-O arranxo inmediato da varanda da rampla da Igrexa e a limpeza da beirarrúa para eliminar o verdello, dado que aínda quedan días de choiva.
-Podar a árbore que se encontra apoiada no tellado da Casa da Cultura e o arranxo das tellas que estean rotas.
-Colocación do merendeiro da parte traseira para que os días de bo tempo se poida utilizar.
-Iniciar os contactos co propietario da finca anexa á Casa da Cultura e ver a opción de chegar a un acordo para o seu uso como aparcadoiro público.



