Este venres 21 o Centro Social de Abanqueiro vai dar acollida a un espectáculo de maxia do ilusionista Martín Camiña: o espectáculo J, K, W e Y, unha escolma de despropósitos. Será a partir das 20.00 horas e segundo confirmou o Concello as entradas poderanse adquirir na billeteira dende unha hora antes da función.
A función infantil e xuvenil J, K, W e Y (maxia con prebe de lingua) é boa medida unha antoloxía da actualidade lingüística que pon o foco nalgunha das desfeitas máis destacadas de cantas están a ser perpetradas contra o galego, e son moitas (auspiciadas polas redes). Todo a través do humor, a maxia participativa e, tamén, a poesía. “Todo o que nunca imaxinabas: a nosa lingua e cultura penduradas do xeito de vida actual, a través dun acto cheo de intres con sorpresas, abraios e moitos sorrisos”, sinálase na ficha.
Martín Camiña é un presentador, mago e prestidixitador galego que malia a súa xuventude atesoura xa unha máis que recoñecida traxectoria como ilusionista, amais de ter recibido o terceiro Premio Nacional de Maxia de Cerca (Donostia, 2002) e máis a terceira posición no Congreso da Asociación Portuguesa de Ilusionismo (Albufeira 2007).




